Opinión

Mamaíña, que me deixen como estou!

Mentres os operarios municipais deben andar aínda a recoller as cinzas e os cascallos da segunda instalación queimada no entorno do espazo termal de Ourense nos últimos meses, leo a reportaxe de hoxe -onte, para vostede- publicada por este mesmo xornal sobre lugares de Europa que ó longo das décadas teñen conseguido facer do termalismo un medio colectivo de vida e un sector económico dinamizador e promotor de postos de traballo.

Leo os referentes (porque tamén no termalismo turístico ou sanitario debe estar todo inventado), coa ollada sobrevoando as dúas áreas ardidas, o entorno das Burgas en ruínas, as propias instalacións das Burgas pechadas ó público por inacción administrativa, o antigo cárcere convertido nun paraíso para as ratas e outros animais suburbiais e lévame tal escaparate a reflexionar sobre por que existen sociedades dinámicas e sociedades estáticas.

É certo -non hai que ser un especialista na materia- que o termalismo, coma tantos aspectos sociais da historia, viviu etapas moito máis florecentes, logo caídas no silencio e no abandono por simple evolución dos costumes da sociedade que deixou de considerar as augas quentes ou sulfurosas como remedios de vida, polo que tal abandono non é achacable a decisións locais, do mesmo xeito que a fotografía dixital fixo desaparecer practicamente á fotografía analóxica. Son mudanzas inexorables, que, co tempo, poden conseguiren algún retorno. O da fotografía comeza a abrollar e o do termalismo xa leva tempo facéndoo.

E isto é, simplemente porque hai sociedades dinámicas e sociedades estáticas. Sociedades que saben que o seu futuro ten como alicerce a ausencia de medio ós cambios e outras sociedades que teñen escrito nos arcos triunfais que lle dan acceso á inscrición: "Mamaíña, que me deixen como estou!".

E "mamaíña", que nestas ocasións adoita ser obediente, acaba deixándonos "como estamos", vendo pasar o tempo coma quen ve pasar o vento por diante dun sen colocar as velas para ser arrastrado cara o futuro canda el.

É certo, tamén, que nos últimos anos téñense dado pasos tendentes a corrixir esta eiva (velaí o desenvolvemento do plan termal), que máis ca unha eiva constitúe unha inmensa cruz que portamos por riba de nós camiño do calvario da inacción e que non nos permite evolucionar como, tal como aparece reflectido na reportaxe, si permite a evolución noutros lugares.

Pero é que Ourense é así e non nos queda máis remedio ca admitilo se queremos corrixilo de vez. Cantos proxectos -pregúntome retoricamente- foron anunciados con ilusión e por isto ou por aquilo acabaron morrendo denantes de nacer?

Seguro que se botamos man da hemeroteca –velaí outra reportaxe posible-, ó velos todos xuntos quedaríamos literalmente lelos.

Te puede interesar