Opinión

Mariá Xunqueira de Ambía

Cando cheguei estaba agardando por min sentada no alto das escaleiras do recoleto recinto das vellas escolas de Xunqueira de Ambía, que, por certo -e dígoo en demérito meu-, non coñecía.

Pasaba algo da unha e media do mediodía e estaba en sobreaviso, xa que logo o meu veciño de nación e comisario da exposición, Baldomero Moreiras, tíñaa avisada para que me atendera.

Se cadra, por esa mesma razón saudámonos con cercanía malia que fose a primeira vez que nos viamos e sen solución de continuidade cruzamos a soleira da porta para facermos un percorrido pola trintena de pezas pictóricas e escultóricas que dende hai algo máis dun mes, por obra e gracia colectánea do propio Baldomero Moreiras, penduran nesa mesma sala que na época das escolas unitarias seguro que acolleu a nenos ou nenas de pantalóns curtos e pelo rapado ó "un", ou de faldra plisada e coletas, estudando na enciclopedia Álvarez como aínda estudamos os da miña época.

Achegámonos á primeira obra -un gravado orográfico de Xosé Poldras- e preguntoume se desexaba facer o percorrido pola miña conta ou prefería a súa compañía (porque nisto do oficio de observador, coma no resto das cousas da vida, hai de todo). Loxicamente optei pola segunda, non só por terlle ocupado un tempo non previsto, senón porque -supuña eu- me podería achegar algunhas visións que probablemente eu non fora quen de ver, a pesar de que moitos dos autores eran vellos coñecidos.

Como digo, comezamos a camiñar paseniño pola sala en ringleira paralela ós vellos muros da escola e a partir dese momento o que recibín non foi unha mera descripción superficial das obras, senón unha auténtica disección con bisturí dialéctico e criterio técnico-artístico, que, pese á miña aparente compostura de visitante cotián de exposicións grandes e pequenas, deixáronme completamente abraiado.

Por pasearon, a través do seu relato, segredos visuais, diagonais compositivas, coleccións cromáticas e liñas pronunciativas coa mesma harmonía coa que asoman polo oído corcheas e semicorcheas nunha auténtica sinfonía. Unha sinfonía plástica que eu xamais entendería por máis horas que botase na sala contemplando as fotografías de Ana Nieto e Xoel Gómez, o acrílico de Moreiras, os lenzos de Carlos Costoya ou Belén Padrón ou as esculturas de Ramón Conde, Xosé Cid ou Soan Torres, que por certo era unha alegoría do diapasón, ben acaída, por certo, para esta metáfora artística que Baldomero Moreiras montou arredor da música e da natureza.

Nun intre pregunteille como se chamaba e se traballaba no Concello. Díxome que María e que era a guía da colexiata. Entón lembrei a un persoeiro histórico da miña vila que nun momento da súa axitada vida tomou o alias de "Carlos Xunqueira de Ambía" e a modo de agradecemento por terme regalado o seu tempo decidín rebautizala –agardo que non mo tome a mal- “María Xunqueira de Ambía”.

Te puede interesar