Opinión

O Marisquiño e as súas consecuencias

Ven a conto, o relato que lle vou desenlear, ó fío dos desencontros que están tendo lugar no Parlamento Galego, por mor desa comisión de investigación sobre o suceso que tivo lugar no verán vigués e que provocou a caída inesperada ó mar dunha morea da mocidade asistente a un dos espectáculos do coñecido festival do Marisquiño.

Pasara xa o susto inicial e probablemente cicatrizaran tamén a maioría das feridas de moitos dos afectados, cando un evento cultural programado na Casa da Cultura olívica, situada a carón da Porta do Sol, me levou ata alí.

Pero as circunstancias quixeron que non me levara de calquera maneira, senón despois de facer unha viaxe a Porto para recoller a unha das miñas fillas.
O caso foi que cheguei de Porto pasadas as seis da tarde e, dado que a miña presenza no acto vigués non era de simple oínte, senón que -digamos- dun xeito protocolario, era pertinente, volvín coller o coche e arranquei camiño de Cortegada e da Cañiza co fin de poder chegar ó centro da cidade antes da hora.

O balbordo automobilístico e algún cambio de acceso a un estacionamento céntrico non me permitiron estar á hora precisa e cando accedín ó lugar do evento -edificio municipal, para ser precisos- na portería estaba unha garda de seguridade atendendo ós usuarios, dando lugar, máis ou menos, ó seguinte diálogo.

- Boas tardes. A sala de conferencias, por favor?
- Xa non se pode entrar.
- Como? Se veño dende Celanova de pé feito.
- Pois síntoo moito, pero teño orde de non deixar entrar a ninguén porque xa está o aforo completo.
- Pero, eu podo estar de pé.
- Repítolle que non se pode superar o aforo e as cadeiras que hai xa están todas ocupadas.

Así estivemos máis ou menos dez minutos. Eu tratei de debullarlle tódolos argumentos que me obrigaban moralmente a estar presente no acto, pero  a moza, imperturbable e impermeable a tódalas miñas pregarias, repetiu sempre a mesma contestación: Non.

Vencido e cun cabreo que me daría naquel momento para zarandear ó alcalde se por un casual se me cruzara por diante, din media volta e volvín para Celanova, como di o saber tradicional, co rabo entre as pernas.

Logo, vía teléfono fíxenlle saber ós organizadores as razóns polas que non puidera asistir ó acto, por máis que fora quen de chegar ata a porta.
Un dos organizadores chamoume, pediume mil desculpas e díxome que había unha orde dende as altas instancias do Concello vigués que prohibiran superar o aforo en ningún espazo municipal.

Descoñezo se aínda hoxe continúan con esa teima. Ora ben, o que si me quedou claro é que se naqueles días tomaron tan drástica decisión foi porque a conciencia non a tiñan tranquila.

Te puede interesar