Opinión

Matar unha mosca

Veume esta idea á cabeza vendo algún informativo do mediodía no que abordaban unha noticia dunha moza que convidara a un grupo de xente para que fosen testemuñas directas do seu adestramento e así advertisen na cercanía a estética do seu "deporte" e o esforzo físico que esixe a súa práctica.

Nin lembro o nome da moza, nin tampouco o lugar da noticia. Ou sexa que, non cumpro dúas das cinco "w" que constitúen a regra fundamental do xornalismo. Pero neste caso non importa, porque a miña reflexión debe ser feita en xenérico, e polo tanto dáme o mesmo que a reportaxe fose en Pekin, en Connecticut ou en Vallecas, como tamén me dá o mesmo que a protagonista se chamase Josefine, Pepa ou Xosefa.

Vivimos uns tempos nos que calquera se atreve a matara unha mosca cunha paleta das de toda a vida, porque logo aparece algunha asociación protectora dos insectos e che pon unha denuncia por contribuír ó desequilibrio da cadea da bichería mundial ou incluso por maltrato, porque entre estampala contra a fiestra ou adormecela pracenteiramente cun "zz" con aroma de frescura marina, hai un verdadeiro treito.

Vivimos tempos de tamaño artificio cínico e auténtica hipocrisía colectiva, de forma que os cans dormen nas camas e os seres humanos entre cartóns á intemperie e non pasa nada.

Pero, ai! de aquel que mate unha pomba cando pasa co coche pola rúa, que os colombófilos (que non son os amigos de Colón, senón os amigos da pombas) acábanche coa saúde denantes de que cante un galo. E xa que falo de galos, que non se che ocorra retorcerlle o pescozo a un polo de curral para poder levalo á pota ou atravesarlle a gorxa a un cordeiro de leite para pasalo lentamente polo forno de leña, que entón está igualmente condenado.

Como vostede ben se ten decatado é certo que estou esaxerando un chisco. Sen embargo, non esaxero se digo que hoxe por hoxe hai asociacións protectoras para todo, non vaia ser -repito- que a cadea evolutiva se arrepinta. Asociación animalistas contra as corridas de touros, asociacións contra as pelexas de galos -que por fortuna son ilegais na nosa terra, etc. etc.

Sen embargo -e volvo á moza do ximnasio e ó seu deporte, que é o boxeo- por máis que a práctica desa actividade, para min pseudedeportiva, estea en aumento, segundo indicaba a reporteira, non alcanzo a ter visto no horizonte cando miro cara atrás, ningún colectivo que se levantase aínda contra a práctica do boxeo, tanto masculino como feminino.

Eu non sei a vostede, pero a min, a verdade é que xa dende os tempos de Urtain, Carrasco ou Casius Clay, nunca me gustou o boxeo, porque non son quen de ver por ningures a nobreza do deporte na arte de mazarse a "......." (poña o substantivo que queira) entre dúas persoas que a miúdo non se coñecen de nada, nin razóns de xenreira teñen para se esnafraren entre elas.

Te puede interesar