Opinión

Menos mal...

Se vostede deixa caer a súa mirada de cando en vez por ese recanto do xonal e se detén un chisco na lectura, é moi posible que saiba das miñas preferencias iberistas, non só dende a perspectiva cultural -que ven de vello-, senón tamén dende o ámbito social e, por que non, dende o formalismo institucional, incluso. Pódolle asegurar que aínda que a algunha xente isto lle pareza un romanticismo e un imposible, non son o único que o pensa. Nin dende este lado da raia (de novo por desgracia redebuxada no mapa e renacida na orografía), nin dende a outra beira da mesma.

Pois ben, dende esa perspectiva que forma parte do meu ideario socio-político dende que refollei por primeira vez as páxinas do "Sempre en Galiza", é ben doado intuír que me resultou especialmente satisfactorio o momento no que escoitei as declaracións do primeiro ministro portugués, Antonio Costa, hai xa uns cantos días, cando o responsable de finanzas dos Países Baixos (fixeron ben mudarlle o nome ó páis a comezos de ano, porque este é bastante máis acaído) nos acusou ós españois pouco menos ca de sermos uns irresponsables que agora queremos que veña Europa a sacarnos as castañas do lume.

Como seguramente xa terá visto, lido ou escoitado, o "premier" lusitano chegou a cualificar de "repugnante" a postura do político neerlandés ó dar case por sentado que Italia e España foran os creadores do microbicho e chegarnos a acusar así, con bastante mala baba, de sermos os resonsables de traermos o problema a Europa.

Gocei, pode crermo, durante a intervención de Antonio Costa, non só polo que dixo, senón tamén pola claridade cristalina da que fixo gala ó dicilo, erguendo así un facho que pon en alerta o futuro do proxecto europeo.

Gocei, sen dúbida, con esa defensa solidaria do irmau ibérico, coa mesma intensidade, pero en sentido inverso, coa que sentín carraxe polas críticas que recibiu o presidente da Xunta por lle ceder material sanitario á Comunidade madrileña. E non porque o presidente da Xunta sexa quen é -que non precisa da miña defensa-, senón pola grave eiva do sentido da solidariedade que lles transcendeu a todos cantos apoiaron -algúns incluso cunha vehemencia inusitada- esa crítica.

Nos tempos interconectados nos que vivimos, tanto en España como en Europa, ou nos salvamos todos ou o barco vai a pique con todos dentro, independentemente de que o noso pase sexa en camarotes de primeira, de segunda ou de terceira.

Menos mal, pois, que -unha vez máis- nos queda Portugal para ensinarnos en catro palabras ben pronunciadas o que significa a coherencia.

Te puede interesar