Opinión

Nenos (e nenas)

Non é que sexa eu moi dado a adornar a linguaxe -nin escrita. nin oral- con estas redundancias de xénero, malia que tamén sexa consciente de que o asunto xa superou o punto de non retorno no tocante á súa aceptación social, polo que, os que seguimos transitando polos vieiros da sintaxe tradicional co fin de mantermos unha mínima coherencia respecto da calidade do idioma que empregamos comezamos a sermos vistos algo así como seres retrógrados contrarios ós principios da igualdade entre o home e a muller.
Sen embargo, polo tema que hoxe quero abordar, o título dual é totalmente acaído, malia que -tamén debo dicir de paso- que neste asunto teñen máis "delicto" os nenos cás nenas, pois elas adoptan seren máis comedidas, non sei se por xenética, se por principios ou por mera casualidade, sen máis.
Pero, vaiamos ó mollo da cuestión, que é o que interesa e non tanto este limiar.
Coincidindo coa celebración do primeiro aniversario da apertura ó publico do parque arqueolóxico de San Cibrán de Las, achegueime ata o outeiro da vella Lánsbrica  para asistir á presentación de dúas experiencias didácticas que veu impartir José Munúa, un profesional da divulgación arqueolóxica do conxunto de covas prehistóricas de Cantabria, que nos levan décadas de adianto niso que eu tanto defendo para poñer en valor os nosos principais xacementos arqueolóxicos, como é a denominada "arqueoloxía experimental".


Loxicamente, ó chegar e ver o ambiente xeral que reinaba no entorno, cun claro perfil maioritario de turismo familiar formado por pais e nais novos con nenos e nenas -loxicamente inquedos- de curta idade, sentín ledicia polo ben do proxecto de San Cibrán e unha certa envexa san porque o xacemento de Castromao e o seu arremedo en forma de poboado non teñan aínda posibilidades de se divulgar dese mesmo xeito.
En todo caso, como ourensán feliciteime porque despois de tantos anos, o macroproxecto da "cibidá" navegue xa e vaia marcando o paso do potencial arqueolóxico que no ámbito da romanización poderá ofrecer Ourense se somos quen de coordinar a San Cibrán de Las, Santo Tomé, Castromao, Aquis Querquennis e a Vía Nova nunha soa oferta arqueolóxica, podo dicir con coñecemento de causa, sen igual na península Ibérica.
E dito isto, por máis que se me acabe a columna, non podo deixar de falar do que realmente ía falar, isto é da actitude que algúns nenos e nenas amosaron ó longo das dúas sesións didácticas impartidas polo divulgador cántabro, que amosou unha paciencia digna dos máis pacientes homes do Neardenthal.
A algún rapaz chegaron a chamarlle a atención media ducia de veces para que, como canta Serrat, deixase de dar a tabarra diante mesmo dos pés do profesional. Ata o punto que a min non me faltou nada para berrar: ¡Pero, estes nenos (e nenas) non teñen pais (e nais)!

Te puede interesar