Opinión

Nunca estiven en Polonia

Nunca estiven en Polonia. Nin en Polonia, nin en outros moitos lugares do mundo. Supoño que alguén o ten calculado xa, porque de todo e para todo hai na "viña do señor", pero eu non sei cantas vidas teriamos que vivir para percorrer completamente este "pequeno punto azul pálido", que diría Carl Sagan e que tanto maltratamos a cotío nós.

Nunca estiven en Polonia. Sen embargo, retroalimentoume a necesidade de ir algún día, a interesante e audaz viaxe planificada por ese tres mozos do val de Monterrei (supoño que os vería no xornal de nantronte), que pretenden unir a Galicia fisterrán coa Galitzia polaca, onde viu o sol Carol Woitiwa, viaxando e convivindo nunha caravana xa clásica pero reformada para poder circular dun xeito autoxestionable e medioambiental.

Ora ben, que nunca estivera en Polonia non quere dicir que non tivera razóns para ir, pois os que me coñecen saben da miña querencia por procurar enlaces polos catro puntos cardinais da terra coa miña vila natal para poder elevar a real o cuño literario que noutrora colocou Celso Emilio Ferreiro sobre o mosteiro rosendiano cando escribiu aquilo de "onde o mundo se chama Celanova".

E digo que teño razóns e que esas razóns se me espertaron estes días ó ler a información sobre a viaxe  por eles planificada, porque aínda que non me crea, ademais dunha terra chamada Galitzia e situada no sur do país, existe tamén unha localidade que aínda que con grafía polaca ten unha certa eufonía coa Celanova que me viu nacer.

Trátase de "Zelanowa" ou "Zelazowa wola" -que tamén se lle di-, unha pequena aldea que non forma parte da Galitzia que estes mozos visitarán, senón que se atopa a moi pouca distancia da capital polaca e que non tería máis interese para min có eufónico se non fose que alí naceu -curiosamente o 1 de marzo, data rosendiana onde as haxa- a comezos do século XIX o universalmente coñecido pianista Frederic Chopin.

Sei que non lles queda no camiño, pero como o encanto das viaxes radica en descubrir tesouros inesperados que vaian aparecendo polo camiño, se é que algún deles me le, velaí lle vai unha recomendación para que instalen simbolicamente un pedrón da Ourensanía a carón da casa de Chopin.

E, senón, se é que seguen o itinerario que teñen colocado na web, cando regresen polo norte de Italia e lles toque percorrer a etapa que vai dende a austríaca Graz a Verona, tamén terán oportunidade de visitar a espectacular abadía de "Novacella" (aquí si que non hai dúbida da coincidencia toponímica) e deixar así mesmo recado de que alá onde rematan os camiños existe outro pobo co mesmo nome -pero en espello- gracias ó cal no seu momento foron poboadas as terras de Baroncelli, precisamente o lugar de onde eles son.

Xa ve, benquerido lector. Cousas da ourensanía, que ten o mundo por motor.

Te puede interesar