Opinión

O abrazo de...

Oprimeiro que pensei cando vin a efusividade coa que o impensable vicepresidente termou da man do impelido presidente e cun impulso certeiro o achegou contra o seu peito para de seguido abrir os brazos e pechar os ollos en actitude propia de recén namorado, e fundilo no xa famoso abrazo (que algún día será bautizado, a saber como e por quen), foi na intensidade gradual da relación persoal -próxima ó ámbito familiar ou á amizade case íntima- que teñen que manter Pedro e Pablo para, nun acto aparentemente natural e fronte ós ollos do mundo seren quen de se abrazaren logo de se teren arrincado a pel a tiras en continuas declaracións de desafección, cando non de descrédito ou de recíprocas descualificacións por todos escoitadas en vivo e en directo.

Coma tantas outras interioridades da política, é posible que durante un tempo se manteña no silencio contido o nivel de impostación que a actuación tivo, dun xeito especial no caso do vicepresidente áulico, pois dáme a min que o presidente sorprendido non tivo máis remedio ca deixarse levar polos movementos coordinados do primeiro.

Pasos coordinados que a moitos tróuxonos á memoria o famoso abrazo de Vergara entre o victorioso xeneral isabelino Espartero e o representante do bando aparentemente perdedor, o xeneral Maroto, no nome das tres provincias vascongadas e do vello reino de Navarra, e que, se ben supuxo o feliz remate da primeira guerra carlista, hai agora 180 anos, tamén confirmou os privilexios forais que tanto teñen impulsado ó País Vasco e á poderosa provincia veciña do outro lado do Aralar.

Non sei, pero, tan dado o líder de UP ós xogos de tronos, non me estrañaría que, tan pronto como pechou os ollos e se deixou levar pola escuridade do momento, no canto de pensar na escaleira que naquel intre comezaba a subir cara o ceo da Moncloa, non pensaría na frase pronunciada polo arroutado Espartero sobre o seu dotado cabalo: "Abrazádevos, meus fillos, como eu abrazo ó xeneral dos que anta onte mesmo foron contrarios nosos".

Se con este novo abrazo chegará ou non un novo tempo para os que, sen estaren na sala se facían presentes -é dicir, os cataláns-, non o sei. Nin o sei eu -pobre de min-, nin coido que o saiba arestora ninguén.

Ora ben, se un se para a ler os 10 artigos asinados hai 180 anos, sinceramente o que ata o de agora podería ser unha brincadeira é moi posible que comece a amosar visos de realidade e que novos foros e concertos se aproximen para a Invernalia catalá polo Nordés do país. Coma sempre, o tempo, inexorablemente, porá ou quitará rei!

Te puede interesar