Opinión

O cabalo de Ferrín

Non é a primeira vez que me declaro publicamente -e tamén nesta columna- crente fiel na serendipia, que é esa sorte intrigante de fíos invisibles que ás veces fan que se ensarillen cousas aparentemente alleas entre elas e, polo tanto, inexplicables.

Nantronte dediqueille a columna ós silencios da praza -nestes intres prohibida- da miña vila sen saber, porque cando escribín aínda non lera o xornal, que o meu amigo Beni Reza escribira o día anterior, máis ca un artigo unha fermosa peza literaria, relatando o momento insólito que el mesmo acababa de vivir nesa mesma praza (aínda máis súa ca miña, porque el naceu e vive alí) na que se teñen concentrado tódolos momentos bos e malos que forman parte indisociable das nosas vidas.

O relato describía o seu encontro inesperado cun corzo alí mesmo, nestes días extremadamente silentes polos que está a atravesar -como digo- o espazo primordial de encontro do noso clan: A Praza.

Esta sorte de serendipia -é dicir, que o corzo, o Beni e máis eu nos confabularamos para coincidir no seu insólito paseo e no noso pensamento nesa praza hoxe prohibida- levoume a cavilar noutros momentos que ó longo da milenaria historia ten acollido un espazo que non por mal valorado por nós mesmos como espazo social, deixa de ser un dos lugares máis singulares cos que conta, non só Ourense, senón que me atrevería a dicir Galicia.

Serían incontables (tal vez darían para un libro singular a través do cal poder contar a historia dunha vila) eses momentos senlleiros que como fitos étnicos teñen marcado o seu devir e o vivir correlativo dos nosos devanceiros.

Por esta razón e a xeito de complemento evocativo voume centrar hoxe noutro intre singular que reteño na memoria, de como a Praza Maior de Celanova se viu exaltada en grado sumo na súa monumental beleza arquitectónica.

Se a memoria non me traizoa, debeu ser alá polos inicios dos anos 90. O director de cine pontevedrés, amigo de Ferrín e compoñente con el do grupo Brais Pinto, Alexandre Cribeiro, realizou daquela un documental para Televisión Española arredor da figura humana e literaria de Méndez Ferrín, quen tiña naqueles intres un fermosísimo cabalo negro de alta planta co que o escritor de Vilanova explorou, denantes de o escribir, tódolos territorios arraianos.

Cribeiro quixo baleirar a praza de toda vida social posible e regouna completamente, ceibando nela o cabalo de Ferrín coa súa crin ó vento.

Andei a procurar das imaxes nalgún arquivo da TVE, pero non as conseguín. Lamento non ter tido éxito na empresa, porque probablemente aquel momento fose equiparable ó lostregazo experiencial que o Beni testemuñou esoutro día co “seu” corzo.

Te puede interesar