Opinión

O derradeiro

Pendura estas semanas nunha sala de exposicións da miña vila, que noutrora foi almacén de sal, local da fronte de xuventudes, cuarteliño da policía municipal, biblioteca e non sei cantas outras cousas, unha exposición fotográfica que convida ó visitante a ser ollada paseniño porque, sobre todo, tan pronto un se adentra na sala de súpeto convoca en comandita ós pensamentos.

É, o seu autor, fotógrafo experimentado por máis que non fose a fotografía o seu medio de vida, senón un xeito de expresión colateral de todo canto ó longo da súa vida ten ido vendo, tanto en paisaxes alleos coma na ollada máis próxima, xusto na cal se centra esta na que agora reparo.

Chámase Carlos Teijeiro o fotógrafo e titúlase "Esquecementos" a mostra, montada en pequeno formato e coa técnica da fotografía analóxica (volverán os tempos, coma as anduriñas) en branco e negro, máis dada -tal vez porque o onírico o mentemos en branco e negro- ó evocativo cá técnica dixital que agora nos posúe.

Por que traio a esta columna unha exposición fotográfica aparentemente local e, como dixen ó principio, montada en formato pequeno? Podería estar preguntando vostede agora mesmo.

Pois ben, explicareillo.

"Esquecementos" é o producto dunha chea de anos de paseos de Carlos Teijeiro polas aldeas do municipio de Ramirás á procura do silencio. Pero non dun silencio xordo e profundo que pode provocar nas criaturas medo, senón dun silencio graficamente expresivo, en tres dimensións e parado de súpeto no tempo.

Teijeiro procurou casas deshabitadas e dentro desas casas tratou de convocar ás pantasmas que quedaron morando alí dentro cando pechou a porta o derradeiro. Pantasmas en forma de mesas empoeiradas, cadeiras desvencelladas, baúis pechados e ó mesmo tempo abertos, baleirados ou ateigados de vellos documentos, reloxos detidos quen sabe en que momento... Pantasmas que so fan preguntas que, como acabo de escribir, só teñen como protagonista ó derradeiro. O derradeiro que durmiu naquela cama. O derradeiro que arrincou a folla do calendario. O derradeiro que lle deu corda ó espertador que xa non se esperta nin a el mesmo. O derradeiro que leu aquela carta escrita ó outro lado do océano...

Teijeiro esculcou, entrou e con todo o respecto co que pode ollar un escenario a cámara dun excelente fotógrafo, pediu permiso para que aquelas fotografías en tres dimensións ameazadas polo paso do tempo puidesen ser fixadas a través do nitrato de prata, convertendo cada unha delas nunha monumental homenaxe ó "derradeiro".

Se ten vagar e gusta de contemplar imaxes que desencadean preguntas, dea un paseo pola praza maior da miña vila. Seguro que algunha halle ser contestada por algún “derradeiro”.

Te puede interesar