Opinión

O Hospital de San Carlos

Sorprenderalle, benquerido lector, que mentres tódolos medios de comunicación levan toda a fin de semana referíndose a ela como "Residencia San Carlos", a min se me dea por mudarlle a denominación e chamarlle -con coñecemento de causa- hospital.

Podería ser -é certo- porque hoxe, máis ca unha residencia de atención a persoas da terceira -case deberiamos dicir, da cuarta- idade, a instalación semella ser un hospital, debido ó número de traballadoras e internos doentes polo maldito virus, que a unha residencia ó uso. Podería ser, ó ver esas chamativas imaxes do exército (a Unidade Militar de Emerxencias) traballando na súa desinfección. Pero non.

¡
Chámolle hospital San Carlos, porque con esta pretensión naceu hai agora 114 anos, é dicir, dende 1906, malia que dende os anos 80 veña cumprindo esoutra función socio-sanitaria que estes días a ten colocado no mapa central do coronavirus galego.

E escribo isto porque o seu nacemento naceu do beneplácito dun emigrante decimonónico celanovés no Brasil, Carlos Arias Rodríguez, que cando estaba a piques de se despedir desta vida, sen descendencia que puidera gozar dos seus bens, fixo testamento, nomeando media ducia de albaceas de entre as xentes máis destacadas da vila, para que, unha vez falecido el, traballaran na creación dun hospital que había de ser instalado na súa casa familiar e había de se denominar "Hospital de San Carlos".

Daquel mandato testamentario, non sen dificultades, xurdiu un humilde hospital que algúns aínda lembramos, pechado xa, no mesmo solar onde hoxe se atopa asentada a residencia.

Pola súa curiosidade cabe salientar que -por expreso desexo do testador- entre os órganos de dirección deberían estar o alcalde de Celanova, o párroco de Celanova e o párroco de Mourillós (parroquia á que pertence o lugar de Xixín, onde el nacera), que habían de rotar na presidencia do patronato cada ano e na mesma orde que acabo de escribir.

Avatares da historia fixeron que co paso das décadas aquel humilde hospital (chamado a atender primeiro ás xentes humildes de Celanova, logo ás da parroquia de Mourillós e finalmente ás da comarca celanovesa) fora esmorecendo ata pechar as súas portas, logo abertas definitivamente, xa co edificio e dedicación actuais, por impulso do párroco celanovés daquel momento, Manuel Iglesias e do seu irmán -párroco actual de Celanova e naquel momento de Mourillóns- Cesáreo Iglesias, quen se atopa hoxe á fronte da fundación que -de xeito independente, penso- rexe os seus destinos.

Sirvan estas liñas telegráficas, logo entón, para renderlle homenaxe a Carlos Arias (se cadra haberá tempo para rescatalo do silencio da historia) e Manuel Iglesias, que hoxe serían dúas persoas abatidas se fosen testemuñas dos preocupantes momentos polos que están -estamos- a pasar todos cantos formamos parte do clan e, polo tanto, sentimos en carne nosa o ataque furibundo dese inmundo becho.

Te puede interesar