Opinión

O lago Beón ideal

Non vai, esta columna, de críticas -nin aforadas, nin desaforadas-, nin sequera de posta en dúbida das intencións que puideron manexar daquela os responsables máximos da decisión que acabou coa lenda da cidade asolagada de Antioquía, para disgusto de Carlos Casares ou de Riveiro Coello, nas profundidades calmas do lago Beón.

Nin son eu un profundo coñecedor da intrahistoria que envolveu o macro proxecto de desecación da lagoa de Antela, hai agora 60 anos, nin moito menos perito agrario ou sanitario, capaz de soster un argumentario razoable, nin en contra nin a favor, sobre a pertinencia ou non daquela drástica decisión política que tanto lle mudou a vida –entre outros, a vostede, que me pode estar lendo dende a Limia- benquerido lector.

Simplemente, acabo de ler neste mesmo xornal, a información que fala de que con motivo de se cumpriren seis décadas do inicio dos traballos, o Concello de Xinzo dis que lle vai organizar unha homenaxe ós traballadores que, chegados de fóra na maioría dos casos, dedicaron os seus saberes profesionais a transformaren o territorio asolagado nun territorio pretendidamente fértil, ó mesmo tempo que a man de obra necesaria para traballar “a destajo” esa terra cha que agromaría por baixo da auga, bulía no tren camiño de Cataluña, o País Vasco ou mesmo Francia e Alemania.

Dis que os van homenaxear e iso colocoume, por unha banda, nunha disxuntiva histórica, pois eu tiña entendido que logo de ser pendurada, aquela decisión, na balanza do tempo, hoxe en día hai unha maioría social que non ten absolutamente nada que celebrar, e pola outra o asunto provocoume un centrifugado rápido nos miolos que me levou a facer abstracción no temporal para pensar sobre como podería ser a inmensa chaira de Antela nunha actualidade teórica, coa auga debuxando ese corazón xeográfico que tan ben se identifica cando un vai ou ven en avión camiño deMadrid ou de Vigo e lle cadra a viaxe na ventaniña axeitada.

Repito, non son eu ninguén para criticar unha decisión que, como tódalas decisións políticas, forman parte dun tempo e dunhas circunstancias, e polo tanto non se poden ler con lentes de hoxe, por máis que logo lle afecten a xeracións futuras. Pero si que son alguén coa capacidade suficiente para pensar no luxo que significaría para Ourense, contar hoxe co humedal máis grande da península ibérica, correndo como corre a economía do medio rural cara outras fórmulas alleas ás da explotación agraria, fundamentalmente coa controvertida pataca.

Imaxine, benquerido lector, que á riqueza cultural da provincia, ó seu indubidable potencial termal e á innegable oferta natural da Ribeira Sacra, o Xurés, o Invernadeiro ou a serra da Enciña da Lastra, se lle sumase o Lago Beón ideal en plenitude acuífera?

Sei que non é doado facelo, pero o marco que poderiamos admirar estou seguro de que sería inmensamente máis fermoso có ermo cadro actual.

Te puede interesar