Opinión

O número e a razón

Pasaba eu un día de hai xa ben tempo, por diante da subdelegación do Goberno e, xusto á porta do edificio, sentado nas escaleiras, atopábase un home entrado xa nunha idade serodia, cuberto cunha pancarta reivindicativa escrita a man sobre un cartón calquera, a xeito de anuncio humano, na que lle facía saber a toda aquela persoa que reparase con tino nela a súa reivindicación que quero lembrar que era de todo xusta.

Unha ameaza de desafiuzamento, un conflicto laboral que conlevaba a súa rescisión de contrato ou algo así era o que aquel home lle quería facer saber ós ourensáns, co obxectivo, supoño, de conseguir algún apoio reivindicativo que lle garantise gañar o preito que provocaba a súa situación incómoda.

Do mesmo xeito que fixen eu, facía toda a xente que pasaba ó seu carón e que eu puiden contemplar mentres por alí pasaba, é dicir, pouco máis ca reparar nel con mirada solidaria.

O que si lembro é que aquela estampa fíxome reflexionar nesta mesma columna arredor do número e da razón, reflexión que agora debería completar con outra variable como son os estragos e razón.

Contrapuña eu, daquela, a seguinte situación: Poñamos por caso que o motivo que derivou na manifestación unipersoal daquel homiño, fora exactamente o mesmo, pero no canto de afectarlle a el só, lle afectará a cinco milleiros de ourensás.

Poñamos, logo entón, que no canto de ser un home só o que decidise instalarse fronte da subdelegación do goberno en manifestación, entre familiares, amizades e particulares solidarios, se xuntasen fronte o edificio gobernativo entre 10 e 15 mil persoas, con toda a parafernalia sonora e visual coa que adoitan ser adornadas as manifestacións. É evidente que, de ser así, a parte dos que por casualidade pasaramos por alí, estarían xornalistas e fotoxornalistas de tódolos medios de comunicación orais, visuais e escritos co fin de ser faceren eco da problemática colectiva e das implicacións colaterais que a mesma podería carrear a outros sectores sociais ourensáns.Se aínda

por riba, non só se manifestasen pacificamente, senón que, xa fose por desesperación, por puro vandalismo ou por estratexia reivindicativa, comezasen a provocar lume nos contedores, rebentaran os cristais dos coches que pasasen a carón e de paso queimasen algún que outro autobús urbano, a dimensión informativa e institucional do problema acabaría saltando fronteiras provinciais e autonómicas e todo o mundo acabaría tendo coñecemento do problema -o mesmo problema dun manifestante só- que existía en Ourense. Non hai máis que lembrar o barrio burgalés de Gamonal.

Pois ben, esa creo que foi a mensaxe que estes días lle ten enviado ó mundo o presidente francés, ó claudicar fronte ós chalecos amarelos: Canto máis brutos sexades, máis razóns vos daremos.

Te puede interesar