Opinión

O que nos axudará a resistir

Nestes días de mundos interiores -nunca mellor dito- e de introspeccións individuais e reflexións colectivas, pídeme o corpo abordar unha das infinitas contradiccións ás que nos estamos enfrontando a medida que esas meditacións van aproximando algunhas conclusións que, se cadra, empezaremos a esquecer cando o sol comece a aplanarnos o cerebro e o "efecto doppler" provocado polo paso do tempo nos vaia alonxando a perspectiva, ou, se cadra, non esqueceremos nunca, segundo nos acabe indo, no ámbito particular, nesta feira.


Tan pronto o monstro asomou en forma de mensaxe televisado e de decretos pre-apocalípticos, estará comigo, benquerido lector, en que o primeiro que se viu resentido foi o sector da Cultura -vouno escribir así, con letras maiúsculas-.


Poño por caso. Na miña vila estaba previsto neses días da pasada fin de semana, a presentación de dous libros, a representación dun espectáculo de monólogo e un encontro de formación musical específica para o alumnado e outros da banda de música. Loxicamente todo caeu de facto, denantes incluso de teren acordado o peche dos lugares de ocio e o pequeno comercio xeneralista.
Se nos deixamos levar pola lectura inmediata da causa-efecto, poderiamos chegar a deducir, entón, algo que acostuman a translucir nos seus programas electorais os partidos políticos: É dicir, que a Cultura é algo superfluo, que está moi ben cando tódalas outras necesidades -digamos, máis elementais- están cubertas, pero sen a cal somos quen de sobrevivir perfectamente en tempos infaustos.
Non pasa nada... Poderiamos pensar. Que se lle vai facer! Xa teremos tempo de os recuperar... Cousa que nos podería levar á conclusión de que a cultura vólvese intranscendente cando xorden asuntos moito máis "importantes".


Sen embargo, sei que non me retrucará se afirmo que agora que estamos todos na casa matinando en como darlle sentido a un tempo no que se nos parou o reloxo de contado e sen preaviso. Un tempo  que nos ten colocado perante o espello completamente nus e agardando que lle contestemos a que "carajo" pintamos neste mundo, resulta que para ocuparmos esas horas que duran unha eternidade, todos acabamos buscando Cultura (permítame que a volva escribir en maiúsculas) para que o silencio e a estanqueidade impenitente desas horas non nos opriman.


Estes días teño escoitado conversas coma: “... e fulano ou mengana, que van facer todo o día metidos na casa, se non son xente de ler, nin de oír a radio, nin ver a televisión...!
Pois ben, estou seguro que tampouco me retrucará se afirmo que, tal e como estamos vendo cada día, a creatividade e Cultura (así, en letras maiúsculas) será o que nos axudará a resistir como sociedade organizada.

Te puede interesar