Opinión

O taxista de Ramirás

Esta debe ser a enésima vez que traio a esta columna unha reflexión arredor dos taxis como servizos públicos no medio rural e a necesidade de acometer unha profunda reforma no xeito colectivo de xestionalos, tanto polo seu futuro como servizo público e como negocio perticular, coma pola perentoria necesidade de que o medio rural máis abandonado conte de vez cun servizo de transporte fluído que o poña en contacto coas capitalidades de comarca onde cada vez se concentran máis os servizos públicos e as ofertas comerciais necesarias para a consumo diario.

Non hai moito que me fixen eco da iniciativa, da valente iniciativa, posta en marcha polo alcalde de Verea, propoñendo a gratuidade do servizo para determinadas necesidades da veciñanza, pero dun xeito coordinado cos propios taxistas do municipio.

E non é que eu sexa un especialista no negocio dos taxis, nin tampouco tiven nunca ningún familiar que gañara a vida neste negocio, pero non fai falla ningunha ter un master sobre taxiloxía -desculpen o neoloxismo- para saber que as redes de comunicación locais, sobre as que anda a traballar -por veces semella que dando paus de cego- a administración autonómica, non se desenvolverá nunca como debe ser desenvolvida sen contar co servizo público dos taxis que se reparten pola trama rural da provincia, concello a concello, como complemento necesario na parte máis próxima á poboación.

Neste intres non sabería dicir cantos concellos están a coller -ou teñen collido xa- o touro polos cornos e teñen deseñado e posto en marcha servizos alternativos ó do estacionamento do vehículo na parada municipal, ese que agarda a que unha chamada telefónica ou unha persoa reclame o seu traslado a algún lugar de dentro ou de fóra do termo municipal.

Creo lembrar o concello de Melón, algún pola zona do macizo central, o xa mencionado de Verea e pouco máis...

Agora vemos os laios -lóxicos- dun taxista de Ramirás, que ve como, entre a mingua do padrón municipal e o servizo gratuíto que lle montou o Concello por tras, o seu xeito de vida vese ir polo sumidoiro igual que baixan as pólas dos amieiros polo Arnoia embaixo nestes días de enchentas fluviais.

Non será tempo, entón -pregunto-, de que as tres administraciónsque temos á man se senten de veras a estudar cos propios profesionais como mudar o rumbo dun serivzo que leva décadas adormecido e que, coma o propio medio rural, corre perigo de morrer de morte morrida. Coma todo o demais?

Porque dáme a min que o tempo de agardar unha “carreiriña a 10, 15 ou 20 euros” xogando ó dominó, á brisca ou ó solitario no bar pasou a mellor vida, tal como afirma o taxista de Ramirás.

Te puede interesar