Opinión

O voto de San Roque e outras pestes

Pola cantidade de festas, romarías e procesións que na súa honra se celebran cada ano na provincia o día 16 de agosto, é evidente que a figura de San Roque, que todos recoñecemos na iconografía co seu pau de peregrino, as súas chagas nas pernas e o can a carón co pan na boca, forma parte da nosa arraigada tradición.

Unha tradición que a veces está asentada nunha mera lenda, pero outras -como acontece neste caso-, responde a feitos certos que hoxe, por cuestións obvias, traio a colación.

Traio o caso da miña vila de Celanova (onde aínda se conserva unha rúa na súa memoria e ata o ano 1928 se mantivo en pé unha capela en plena Praza Maior), pero é posible que alá onde me estea lendo teña preto, ou nalgún momento houbera, algunha capeliña dedicada a este romeiro francés que un día dos anos da peste do século XIV abandonou o seu fogar para dedicarse á atención dos apestados de Roma e outras cidades de arredor.

Recolle Benito de la Cueva no libro "Celanova Ilustrada" a seguinte crónica, datada con grande precisión no ano 1598, e que di así:

"Por estos tiempos estaba casi toda España inficionada de peste. Este azote del cielo llegó a Celanova y la afligió mucho. Murieron tres monjes y casi todos los demás estuvieron enfermos del contagio. Los vecinos de la villa padecieron mucho porque morían tantos que no había quien acudiese a sus entierros. Viéndose todos afligidos acudieron al socorro de los santos, especialmente se valieron de San Roque confesor e hicieron voto de guardar su día y rezar su oficio con solemnidad doble, hacer una ermita y dedicarla a su santo nombre y el día de la fiesta de este santo ir con procesión a la ermita y cantar en ella la misa".

E se isto non lle resulta clarificador, velaí outra crónica, neste caso de case un século despois (1681) da propia cidade de Ourense e que vostede pode atopar no Boletín da Comisión de Monumentos:

"(...) Se tomaron severas precauciones por causa de la peste que apareció en Jerez, Huelva y Cádiz. Se cerraron todas las entradas menores a piedra y lodo, no dejando más que Puertadaira, la de la Villa, la Huerta del Concejo, la Burga y el postigo de San Francisco; echando grandes herrajes y cerrojos muy fuertes, y se pusieron de día y de noche guardias para que no entrasen mercaderías, ni ropas procedentes de los puntos infestados. En cada puerta se colocaron un regidor, un vecino de la ciudad, un escribano y un oficial".

Non me negue, benquerido lector, que ó lelo no contexto no que o está lendo, non lle está resultando francamente estremecedor!

Te puede interesar