O xigante de Magarelos

O xigante de Magarelos

Escribiu Delfín Caseiro unha breve pero ben documentada e precisa historia do xigante de Magarelos, que foi publicada no número cinco da revista Raigame, alá polo outono de 1997, que me serviu a min daquela para afondar na triste vida dun neno nacido na devandita aldea alaricana no ano 1916 e que tivo a desgracia de vir ó mundo doente desa enfermidade que popularmente é coñecida como "xigantismo".

Di, Delfín Caseiro que a súa traxectoria vital non perdurou nas enciclopedias, sen embargo si que se conservou na memoria de moitos veciños das terras de Allariz, a Limia alta de Rairiz de Veiga e as terras de Celanova, que compartiron con el tempos de calamidade e gloria.

O corpo do Monchiño, que así era coñecido polas bisbarras de arredor, comezou a destacar moi pronto, ata o punto de que xa cando lle tocou asistir ó servizo militar foi exonerado do mesmo debido a que xa superaba con creces os dous metros de altura.

Alguén viu nesa circunstancia unha oportunidade de facer negocio e cando a altura comezou a superar os dous metros e trinta centímetros propúxolle transformalo nunha atracción de feira. Así coñeceu practicamente todo o norte de España ó longo de media ducia de anos que non deron para moito máis pois, como adoitaba acontecerlle daquela ós que sufrían de tal enfermidade, a morte aparecíalle moi cedo, no seu caso en 1944 cando aínda non chegara a cumprir os 28 anos.

Traio ó Monchiño a colación porque dalgún xeito simbólico, a súa memoria volveu á vida onte en Vilanova dos Infantes, logo de ter sido reproducida unha imaxe súa a tamaño natural (cando medía dous metros e trinta e cinco centímetros) e colocada na adega de San Vivián onde permanece una exposición permanente sobre os zapateiros de Vilanova, quen sabe se algún deles foi o autor material do zapato que conservan con grande estima os propietarios do Bar O Palleiro da Lampaza (Rairiz de Veiga), que xentilmente no lo deixaron para que os visitantes da Romaría Raigame puidesen contemplar as incribles medidas do número 56 que tamaña plataforma amosa.

Alí poderá contemplalo se lle cadra cruzar o Furriolo entre Celanova e Xinzo, ou viceversa, pois alí o manteñen en exposición permanente, como dixen antes con grande coidado polo que tan singular peza representa para a familia de Ricardo Pérez, un dos acompañantes que coidaron del no seu periplo expositivo por tantas e tantas terras alleas.

É evidente que poñer a un ser humano en exposición, se o miramos cos ollos de hoxe, é unha auténtica aberración. Pero os tempos, daquela, eran como eran.

Por iso ó Monchiño “volveu” onte á nosa era. Para que a súa memoria, que ben conservan na Lampaza, dalgún xeito, non morra nunca.