Opinión

Obrigado

Unha vez, hai xa uns cantos anos, escribín unha columna que titulei "gracias por non dicirme grazas".

Fíxeno cando dende o goberno galego daquela estaban a tratar de introducir o termo na sociedade cun funil, maliciaba eu naquel momento -sen ningún soporte filolóxico, evidentemente- que estaba sendo feito cunha clara intención de ir acostumando o oído da poboación galego-falante á terminación "za" no canto de "cia" e, dun xeito paralelo, írmonos acostumando a lle chamar á nosa terra "Galiza" no canto do "Galicia" comunmente aceptada e utilizada pola inmensa maioría da poboación que non lle outorga sesgo político ou ideolóxico ó seu uso.

Mancábame daquela e continúame mancando aínda hoxe no oío cada vez que o escoito, nos medios de comunicación audiovisuais, nalgúns ámbitos da cultura e, dun xeito especial, nos discursos institucionais ou políticos simplemente, en xentes que tan pronto soltan o micrófono mudan diametralmente a fala e pasan directamente a comunicárense en castelán. É dicir, aqueles neofalantes que só utilizan o galego na liturxia, laica, pero liturxia á fin e ó cabo.

Non escoitei eu intervención do xa investido presidente do goberno cando lle contestou ó deputado do BNG co xa famoso "obrigado" polo intercambio do seu voto afirmativo contra un documento de 9 páxinas que veremos en que se traducen.

Non o escoitei no momento, pero hoxe en día todo é recuperable do pasado para o presente e, polo tanto, si que llo escoitei a través da rede, tendo a sensación nese preciso momento de que a raia vertical que separa -e hoxe tamén une- a España e ó noso veciño país, en vez de facer o xiro dos 90 graos que fai entre Benavente e Bragança, continuaba recta para o "noso" presidente, ata a desembocadura do río Eo.

E aínda que non me crea, agradecín especialmente que utilizara a fórmula portuguesa -da que eu me sinto especialmente seareiro- e non a estridencia neoloxista do "grazas", porque, como dixen denantes, continúa mancándome no oído cada vez que a escoito.

Si. Xa sei que o "grazas" foi aprobado no seu momento pola Real Academia Galega nunha modificación da normativa e que hoxe "vai á misa" igual que a fórmula de sempre ou a que con grande lóxica e sentidiño reivindicaba esoutro día o meu colega en tantas cousas e ó mesmo tempo vello amigo, Afonso Vázquez-Monxardín, e que non é outra ca "graciñas".

De tódolos xeitos, tamén é certo que os idiomas empréstanse palabras e, polo tanto, eu permítome collela emprestada con frecuencia, cousa que evidentemente non fixo o presidente se non que o que fixo foi utilizala por indocumentada asimilación.

Te puede interesar