Opinión

Os abrigos de Sofía

Creo que non descubro a pólvora se fago declaración solemne sobre a solemne regueifa familiar -improvisada, a primeira, e perfectamente orquestrada a segunda- na que anda embeleñada estes días a Real familia.

Non é que, de súpeto, ningunha das dúas -nin a raíña sogra nin a raíña nora- se empadroara en Ourense e de aí que acaben tendo cabida nesta ínfima columnata de ourensalia. Nin que a min se me dera de contado converterme en cronista Real. Nin moito menos.

É que, ó fío desa actualidade magnificada -non en van estamos a falar de maxestades-, acábame de acontecer unha anécdota singular que me prace compartir con vostede, benquerido lector. E non por nada en particular, senón porque me fixo pensar de novo na elegancia. Neste caso, non na elegancia que regala con frecuencia a natureza a nada que un teña alerta a piel fina da sensibilidade, senón na elegancia Real, que tanto precisa a realeza -e cada vez máis- para andar polo mundo para evitar que a plebe poña en solfa a súa existencia a cada paso que dá.

Verá...

Andaba eu, hoxe pola mañá, á procura dunha fotografía de cando a Raíña Sofía se achegou a Celanova para facer solemne entrega do premio Hispania Nostra. Premio que, como é moi posible que xa non saiba, lle foi concedido ó Mosteiro de San Rosendo no ano 1984 por mor da restauración levada a cabo no denominado Claustro do Poleiro do edificio, onde hoxe aínda se forman no segundo ensino os mozos e mozas de boa parte das Terras de Celanova, e porque son un auténtico desastre para organizar os milleiros de fotografías que teño arquivadas nos ordenadores cos que habitualmente traballo, soliciteilla a un compañeiro que sei que é bastante máis ordenado ca min e, porque é ben máis novo, non ten aínda tanto arquivo fotográfico no que fedellar.

Ó cuarto de hora o meu compañeiro fíxome chegar pola vía directa do whatsapp a imaxe que eu precisaba, coa raíña e toda a cohorte institucional que fora convocada ó acto, paseando polo outro claustro, non sei se denantes ou despois de inmortalizar a entrega da medalla que certifica a galardoada restauración patrimonial.

O caso é que, por máis que teñan pasado case 34 anos, a raíña levaba posto un elegante abrigo de pano de cadros, no que loxicamente non reparei porque a min, máis cá moda da raíña, interesábame o documento que daba fe do acto e da súa presenza nel.

Pero, os dez minutos contados recibín unha segunda foto do meu fornecedor de imaxes, raíña, xa avoa, termando das dúas netas e cun abrigo practicamente igual, que me fixo pensar -como dixen- na elegancia que ela tan ben conserva e que me dá que a súa nora xamais terá.

Te puede interesar