Opinión

Os da terceira vía

Estou seguro de que somos lexión. E cando digo lexión, non me estou referindo a un batallonciño de alférez, sarxento e cabo furriel, senón a millóns de galegos, vascos e cataláns, andaluces, extremeños e canarios, casteláns, cántabros e asturianos, murcianos, aragoneses e navarros, valencianos, mallorquíns e rioxanos..., liricamente explicitados no poema de Miguel Hernández (vientos del pueblo me llevan/ vientos del pueblo me arrastran...) e que sendo profundamente nosos -é dicir, sentíndonos intimamente identificados co noso pobo de nación-, sentimos igualmente orgullo por podermos convivir na "casa" común que nos abraza.

Sei que somos millóns porque demostramos cada día que, considerándonos propietarios -por exemplo- das pedras da catedral de Santiago, compartimos admiración e querencia pola Mezquita de Cordoba ou pola Alhambra de Granada, que nos mimetizamos con igual paixón coa historia do teatro romano de Mérida ca coa do Museo do Prado. Que gozamos igualmente, coma se fosen nosas, nas covas de Altamira que nas curvas mareantes do Guggenheim bilbaino. Que nos sentimos seres ínfimos entre os ferros abrancazados da cidade das Artes e das Ciencias valenciana ou por baixo dos arcos do acueducto de Segovia. Que mesmo perdemos o sentido cuns embutidos cazurros, ca cunha torta do Casar cacereña, cunha fabada asturiana ou un cocido montañés regado cun mencía da Ribeira Sacra, un reserva do Douro ou da Rioja, e celebramos a maridaxe na sobremesa cun cava de San Sadurní de Anoia e uns piononos de Granada. Que empatizamos do mesmo xeito, "pedindo a paz e a palabra" na voz de Blas de Otero ou tráxicas bodas de sangre lorquianas. Que memorizamos dende os tempos novos as rimas dos campos de Castela de Machado co mesmo fervor poético que lembramos as de Curros ou Rosalía. E que do mesmo xeito que estivemos en "territorio comanche" ou en Flandes con Pérez Reverte, tamén compartimos agora a "Patria" de Aramburo.

En fin... Somos os habitantes da España diversa -que non diferente- que se enriquece culturalmente a cada paso que anda e que absorbe coma unha esponxa o moito e bo que nos teñen legado centurias de vida compartida que, coma unha alegoría do Camiño de Santiago, cosen as nosas entrañas.
Somos os que deberiamos denominarnos da "Terceira Vía", tal e como xa se denomina un movemento asociativo -aínda minoritario- en Cataluña. Os da terceira vía: Eses ós que incluso nos gustaría acabar sumando a Portugal á causa.
Por que non vai ser posible? Pregunto, agora que todo, absolutamente todo, terá que pasar pola peneira e amasarse de novo se non queremos acabar estourados coma unha castaño?

Sei que ata agora foi unha quimera. Pero non por iso debemos perder a esperanza.

Te puede interesar