Opinión

Os palcos e as orquestras

Xa que non hai aldea, vila ou cidade que se prece que non teña estes días da segunda quincena de agosto unhas festas patronais máis ou menos populosas nos seus torreiros, nas súas prazas ou nas súas alamedas, permítame, benquerido lector, abordar un asunto que me dá que se está "saíndo de madre" e que descoñezo se continuará en progresiva evolución ata o infinito ou xa chegou, por fin, ó seu punto máximo de desenvolvemento físico e de lucerío.

Estoume referindo ós palcos -mellor dito, escenarios- que agora traen as orquestras con elas en trailers que valerían mesmo para transportar os transbordadores espaciais en Cabo Cañaveral ou para levar de Porriño ó peirao de Vigo esas pezas de transporte especial que só poden circular a altas horas da madrugada para non atascar a autovía.

Entre o pequeno arquivo que gardo de fotografías antigas, conservo unha da banda de música de Celanova tocando, supoño que nas festas do Espíritu Santo porque é na Merca, no que os músicos están literalmente embutidos sobre un entramado ben armado de madeira, coma se estivesen recluídos nun redil para que non fuxisen se e que tocaban mal e a veciñanza lles tiña que pedir algunhas contas.

A foto é certamente simpática e aínda hai algún músico xa xubilado que ben se lembra dela.

Onte, pola contra, asistín a un espectáculo na Praza Maior da miña vila que me deixou completamente abraiado igual que me deixaría abraiado algún deses trens que se ven nalgúns programas de televisión trasladando mercadorías nos Estados Unidos e que levan trala locomotora medio de cento de vagóns, máis ou menos.

O certo é que denantes de chegar á praza, un parente co que me atopei no camiño xa me puxo en sobre aviso mentres regaba a herba do seu xardín. "Vas ver a orquestra?", preguntoume. "Claro, hai que ir á festa", díxenlle. "Pois vai, vai e repara, que seica teñen o palco máis grande do mundo!"

Descoñezo se está no libro Guinness, pero polas súas dimensións ten tanto merecemento coma o prato no que eses días aí atrás picaron 500 quilos de pulpo.

Supoño que, sexa en vivo e en directo ou por meras fotografías, farase unha idea das dimensións, tanto de altura como de longo, da fachada do convento que dá á Praza Maior na miña vila. Pois ben, de alto non lle faltaba nadiña e de longo, andaba -metro á dereita, metro á esquerda- máis ou menos. É dicir, unha auténtica barbaridade prismática. Unha inmensa caixa negra que por veces semellaba engulir no seu interior de luces e sombras o propio edificio monacal coa súa non menos monumental igrexa.

En fin… Algo ten a auga cando a bendicen. E algo terán estes escenarios cando as orquestras andan á competición de a ver quen “o ten máis grande”. Pero, de seguir así, está preto o día –se é que non chegou xa- no que ocupará máis o escenario nas prazas e torreiros có espazo físico para bailar a xente.

Te puede interesar