Opinión

Os que nunca tivemos nada

Leo que andan tódalas administracións a tratar de poñerlle un parche a esa última decisión da empresa enerxética Endesa consistente en botarlle definitivamente o candado por riba á central térmica das Pontes de García Rodríguez porque, seica agora, xa non é rendible a producción de enerxía eléctrica con carbón, a parte, imaxino, de que agora tamén lles importa o que ata o de agora nunca lles importou, é dicir, promover a descabornización por iso da responsabilidade social corporativa co cambio climático.

Disque mantiveron unha reunión a varias partes, os representantes da empresa coa ministra do ramo, o responsable de industria e emprego da Xunta de Galicia, o alcalde do municipio onde se asenta a central e os propios traballadores directamente afectados por tan tallante decisión.

Mentres, unha manchea de vehículos conducidos na súa maioría -supoño- por habitantes da bisbarra eumesa percorreron as rúas de circunvalación da Coruña para facer visible a súa frontal oposición contra a devandita decisión e reclamar das administracións que, se non hai remedio, se lles faga unha proposición laboral de futuro que garanta -lino nunha pancarta- unha xusta transición porque -púñao a mesma pancarta- "queremos traballar".

Penso eu que, con todo o dereito que lles asiste, o que piden os veciños da comarca coruñesa é que as administracións leven a cabo un plan de urxente reindustrialización para a zona, máis efectivo do que no seu momento deseñaron para Ferrolterra, de forma que de súpeto non se atopen todos -traballadores directos e traballadores de servizos- da noite para a mañá coma o irredento Bardem nos luns ó sol.

Repito que a veciñanza das Pontes e as súas poboacións satélites teñen todo o dereito do mundo a esixiren unha solución, entre outras razóns porque aínda que a comunicación da decisión desta semana foi un tanto abrupta, hai moitos anos que a espada de Damocles pendura por riba da lagoa, polo que tempo tiveron, se quixeron, as administracións de procurar unha alternativa. E ogallá que atopen canto máis pronto mellor, esa solución porque sendo boa para eles, será boa tamén para o resto de Galicia.

Ora ben, dito isto, en xusta contraposición vénseme a min á idea unha pregunta. Poñamos por caso que nos próximos meses emerxe -nunca mellor dito- da lagoa un plan director que reformule as bases do asentamento económico da zona e que toda a base laboral ligada á central atopa alternativa noutras funcións.

Entón, pregunto eu: E que pasa con aquelas comarcas que dende os tempos da recollida do leite en canadas nunca tivemos nada? Non estamos no mesmo dereito -ou se cadra máis- de que nos poñan tamén os cartos por riba da mesa para podermos desenvolver o noso propio plan director?

Te puede interesar