Opinión

Outras contas

Non é a primeira vez que escribo dende esta perspectiva porque creo que o deber dos que temos a oportunidade de expresar, en xanelas coma esta, a nosa visión do pequeno mundo que nos rodea, se en algo podemos contribuír "á causa" colectiva, o mellor xeito que temos de facelo é, precisamente, amosando contrapuntos que axuden a pensar ou repensar esas "cousas" doutra maneira.

Neste sentido e despois de darlle unhas cantas voltas ás cifras que no conxunto da provincia e no resto de Galicia ofreceu a xornada electoral cuxo reloxo xa empezou a pasar de hora, apeteceume darlle unha lectura alternativa ós números co fin de posicionar dun xeito máis axustado á realidade social os mesmos e que aqueles líderes que agora -probablemente ó mesmo tempo que eu escribo- se poñen a extraeren análises pormenorizadas deles e a pensaren nas súas posibles consecuencias, a curto, medio ou longo prazo, vexan -se non o fixeron xa- que máis alá de maiorías naturais ou forxadas a posteriori, a representatividade real é, simplemente, outra cousa.

Collo como modelo os resultados -digamos, insólitos- que se sucederon na capital e no canto de mirar cara os números absolutos e as porcentaxes que respecto dos totais de votación acadaron uns e outros, propóñolles ós líderes das catro candidaturas que conseguiron representación na Praza Maior e á primeira das formacións que quedaron fóra, que fagan o seguinte exercicio de reflexión: Que nestes días seguintes, denantes de se sentaren a falar sobre posibles pactos de goberno ou de oposición, se senten no espolón e se poñan a contar e a poñerlles rostro, un por un, a un cento de persoas en idade de exerceren o seu dereito ó voto, que cara un ou cara outro lado, en soidade ou acompañados, pasen diante súa.

De teren feito isto, o candidato gañador das eleccións debería saber que dese cento de persoas, 81 -loxicamente, en termos estatísticos- non o votaron e só 19 confiaron activamente na súa proposta.

Se ese exercicio o fai o candidato da segunda forza, a cifra dos que obviaron a súa proposta electoral é de 85 e tan só 15 creron nel e na súa oferta.

Se iso mesmo o fai o líder da terceira formación e hoxe aínda concelleiro de goberno, debería saber que só 12 de cada cen se implicaron con el e 88 nin “lle miraron á cara”, mentres que ós representantes da candidatura comunal, 94 de cada cen tiraron por outro camiño, e os que acabaron "pasando" do primeiro grupo que non pisará as alfombras da consistorial foron 97 deses cen camiñantes anónimos.

É dicir, se no canto de gobernaren pensando na representatividade relativa que acadan en cada consulta electoral, uns e outros pensaran na representatividade real que ostentan, outro galo lle cantaría a esta democracia loxicamente imperfecta.

Te puede interesar