Opinión

O ovo e a galiña

Benquerido presidente: A prensa alertoume esoutro día dunha noticia que non fixo máis ca corroborar unha teoría que levo defendendo dende que (a finais deste mes cumpriranse dous anos) acudiches cunha ampla representación institucional ós arrabaldos da Manchica para abrirlle as portas ó futuro de Celanova e da súas dúas comarcas de influencia, é dicir, as terras do mesmo nome e aqueloutras que tralo alto do Vieiro titulan da Baixa Limia.

Resulta que, porque seica non se cumpren as ratios mínimas de circulación da autovía que dende aquela nos conecta co mundo, o contrato que asinastes obrígavos a abonarlle un suplemento no canon anual de financación da obra que -milleiros arriba, milleiros abaixo- veñen rondando un abono de 2,3 millóns de euros, que van coma quen os tira polo río abaixo.

Son consciente do custe persoal que entre os teus che causou a defensa desta obra e só por iso, no tocante a esta decisión, sempre terás nestas liñas un defensor da túa causa, pois os que a ceo aberto ou pola calada puxeron -e aínda poñen en dúbida- a necesidade desta obra, veñen a seren para min os mesmos que noutro plano de comunicacións levan tempo poñendo en solfa a pertinencia da construcción do AVE para Galicia.

Está claro que este tipo de proxectos sempre se debaten na dualidade do ovo e da galiña e en base a este irresoluble galimatías hai quen defende que primeiro ten que se dar a necesidade cuantitativa -é dicir, o número suficiente de vehículos diarios- e logo, cando deus baixe o dedo, xa chegará a obra, se é que chega.

Eu, sen embargo, son dos que defendo que se queremos evitar que Galicia a curto prazo funcione soamente cunha aurícula e un ventrículo -ou sexa, coa franxa xeosocial da costa-, a administración, por iso do reequilibrio, está obrigada a poñer as condicións -é dicir, as infraestructuras- para que o lugares asentados en terra de ninguén, como son as Terras de Celanova e a Baixa Limia- gocen das mesmas condicións de igualdade para podérense desenvolver social e economicamente ca calquera outra comarca galega. E, polo tanto, primeiro hai que poñer o ovo para que logo naza a galiña.

Ora ben -e velaí a teoría que defendo-, as infraestructuras por elas solas -neste caso, a autovía- non desenvolven comarcas. Simplemente, poñen as condicións para facilitaren o seu desenvolvemento.

E o seu desenvolvemento, benquerido presidente, -ti sábelo mellor ca min- precisa de algo máis, porque condicións teñen ámbalas, non só para cubrir as ratios que contempla o contrato, senón para multiplicalas.

Por iso me dá carraxe ver cómo eses cartos que marchan polo retrete da concesión non son investidos nun verdadeiro plan de desenvolvemento económico que estas terras están pedindo a berro seco dende hai décadas sen que ninguén -se cadra por iso de seren terras da raia- escoite o seu máis mínimo eco dende Santiago.

Te puede interesar