Opinión

Pantalla de inicio

Cadroume seguir a votación para o goberno de cooperación, coalición e finalmente -segundo as redes sociais- de coacción non nato, dende Cantabria, a única comunidade que a través do seu deputado rexionalista acabou apoiando (con entusiasmo revillista, polo que é de supoñer que non gratuitamente) ó devandito goberno fallido .

Cadroume seguila mentres xantabamos, sentindo unha mestura a  medio camiño da nada, entre a tristura, o fastío e a desesperanza no noso futuro colectivo, e incluso a indiferencia porque xa todo está pasado de rosca no sainete chabacano (a construcción do relato, dixeron) no que se ten convertido a política española.

Era (é) tanta a ambición (teoricamente nobre) por chegaren ambos a tocar un poder real no corazón do Estado (o do presidente en funcións ata agora ten sido de prestado e o outro non o ten tocado nunca) que eu creo que os dous se colocaron en posicionamentos de máximos porque ámbolos pensaron que quen ía recuar era o outro e aconteceulles o mesmo que a aqueles outros dou do conto, que apostaron a ver quen resistía máis tempo sen respirar debaixo da auga e acabaron os dous afogados.

Era (é) tanta a ambición por conseguiren gobernar a toda costa que eu, sinceramente, apostaría porque malia tódolos desplantes, malia tódalas traizóns, malia tódolos desprezos, malia tódalas rectificacións que deixaban a un e a outro co cu ó aire cando se producían, acabarían lanzándose xuntos polo precipicio e, como di o vello adaxio, "capador o que máis chifre".

Pero non. Ó final e contra prognóstico, para ledicia duns e profunda decepción dos outros, non aconteceu e, tomando como símil o argot dos vídeo xogos, "volvemos á pantalla de inicio".

Volvemos á pantalla de inicio, pero con feridas, porque se ben no mundo dos media o reseteo rexenera todo, incluso as feridas, na vida real un pode volver ó punto de saída, pero non todo vai volver a ser o mesmo, precisamente porque as feridas continúan doendo. E non só continúan doendo, senón que tamén acaban murchando as condicións físicas.

Non sei que tipo de vídeo xogo poderiamos colocar aquí como exemplo, pero seguro que hai uns cantos  que nos axudarían a entender realmente o que está pasando cos -como escribín hai tan só dous días- tempos que vivimos.

Tempos complexos, sen dúbida, nos que os políticos baixaron tanto á area que máis ca políticos téñense convertido en gladiadores tramposos que as saben todas para acabaren coa vida –enténdase política - do  antagonista.

E dito isto, a pregunta que se nos antolla é a seguinte: Ata cando resistirá o Estado tanto entretemento inaudito? Porque, por máis que eles así o sintan dende a súa atalaia do hemiciclo, a nosa vida en común non é un vídeo xogo e non hai, polo tanto, posibilidades de volver á pantalla de inicio.

Te puede interesar