Opinión

...para ver qué?

Hai días que lle quería dar unha "voltiña" a ese novo proxecto que acaba de inzar (nunca mellor dito) no imaxinario do alcalde ourensán sobre a denominada "finca Santamariña", esa que tan verde se ve dende algunhas xanelas do hospital e coa que hai tanto tempo que non se sabe moi ben que facer dende que o Plan de Ordenación pousou sobre ela o seu elixir paralizador.

Outros asuntos que se meteron no medio non me permitiron facelo naqueles días candentes, pero como vexo que as brasas volveron alampar ("tiene cojones..." acaba de lle responder o alcalde, seica, ós recelos da Xunta), vaia, xa que logo, a miña opinión, que non deixa de ser a opinión dun calquera, dun de a pé que escoita, mira e pensa, e finalmente saca as súas conclusións que non deixan de seren conclusións para el, aínda que arestora as estea compartindo con vostede.

Cando, a pasada semana, os medios coma este nolo fixeron saber, algo de incrédulidade creo que nos colonizou, ata que o propio alcalde lle puxo voz ó comunicado institucional.

A torre máis alta de España. Velaí... Entre as catro moles acristaladas de Chamartín -ben fermosas as catro, por certo- esta comeríalles as papas nas cabeza. E dende Ourense, aí é nada!

Supoño que ó ler a información cada quen fixemos a nosa propia chanza. Lóxico, un non almorza tódolos días con proxectos -fálicos de 300 metros, que diría José Araújo- coma este. Aínda que, superado o primeiro impacto, é de supoñer que tamén deixamos un momento para a reflexión un pouco máis seria.

Que vivimos tempos nos que tódolos argumentos son válidos para defender unha cousa e a súa contraria é unha obviedade que ten nome e apelidos e incluso enderezo residencial na Moncloa. Por iso, denantes de me poñer a escribir tratei de coñecer cales son os principais argumentos que avalan o devandito proxecto, alén da concentración de servizos nel, da ampliación de hectáreas de zona verde, ó ocupar soamente un edificio no canto de seis, e de que o 80% da edificación vai ser de propiedade pública. Entón din co auténtico argumento: O "mirador" da planta superior, no cal farán escala tódolos turistas e peregrinos que se acheguen a Galicia denantes de ir abrazaren ó apóstolo a Compostela ou torrárense ó sol en Baiona, Samil ou Praia América.

Un miradoiro...! Para ver que? A cruz de Montalegre, o depósito de auga do Castelo Ramiro, o cimborrio da catedral, os chalés de Vilar das Tres e o Seminario Maior. Ai! E a torre! Anda..., pero se Ourense xa ten torre en ninguén repara nela...

Te puede interesar