Opinión

Parada e fonda

Pídolle desculpas, benquerido lector, se me repito, pero é que a actualidade, en moitos aspectos da vida, adoita ser cíclica e cíclicos son tamén, en consecuencia, os comentarios e reflexións que acostumamos a facer os que temos a posibilidade -o privilexio, diría eu- de podermos analizala dende a tribuna.

De paso, pídolle licencia, así mesmo, para botar a vista atrás algo máis de mil anos sen que me abandone de contado, pois, aínda que semelle exótico, mil anos para atrás me desandou a memoria cando esoutro día vin ó presidente da Deputación e ó presidente da Xunta visitando o mosteiro de San Pedro de Rocas e facendo votos por acender de vez a maquinaria administrativa co fin de que a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade deixe de ser un mero e ilusorio desexo colectivo.

Cando Rosendo Guterres, o fundador de Celanova e promotor doutros mosteiros da actual provincia de Ourense e de fóra dela, redactou o seu testamento, ademais de deixar escrita unha xusta e nada fachendosa -aínda que o pareza- declaración de orgullo referida á fábrica monacal por el creada ó afirmar algo así como, "... déixovos unha obra marabillosamente edificada", rexistrou no documento outro mandato que, mil anos despois, os celanovenses tratamos de cumprir con regrar obediencia.

"... Mando recibir, por sempre xamais, neste mosteiro, a servos e libres a nobres e plebeios, de calquera lugar que proveñan...", foi o que deixou dito.

Un milenio ten pasado dende aquela e por moito que pareza incrible, a obra "marabillosamente edificada" -aínda que coas lóxicas transformacións de cada tempo- continúa hoxe en día sendo referencia para "servos e libres, nobres e plebeios", hoxe afortunadamente unificados en modernos visitantes que se achegan a gozar dos seus artísticos encantos. Igual que se achegan a San Pedro de Rocas, Santo Estevo ou Santa Cristina de Ribas de Sil. Do mesmo xeito que o fan a Xunqueira de Espadanedo, As Ermitas ou Montederramo. Talmente que a Xunqueira de Ambía, Santa Clara de Allariz e Santo Domingo de Ribadavia. Ou a Santa María de Melón e San Clodio de Leiro. E, como non, a Santa María de Oseira.

É dicir, a un conxunto monástico de tamaño valor arquitectónico que non ten parangón en ningunha outra provincia galega e, se me apuran, en ningunha outra española.

Velaí por qué me fun tanto para atrás ó velos a ámbolos dous pisando as "rocas" de San Pedro, para volver de súpeto a hoxe en día. Fíxeno co fin de coller impulso e reivindicar con máis forza se cabe a incorporación de todos eles ó expediente da declaración da Unesco, ensarillándoos a todos nunha rede ben definida, capaz de transformar a Ourense nunha "parada e fonda" certamente única.

Te puede interesar