Opinión

A "parcelaria" e o Banco de Terras

Leo as declaracións do alcalde de Calvos de Randín -seguro estou de que son resumo de todo canto dixo-, asegurando que o "futuro é a parcelaria" e móvenme, as mesmas, a unha reflexión que non pretende, nin moito menos, corrixir ó rexedor "mixto", senón matizalo, que non é o mesmo.

Como todos sabemos -ata poida que vostede sexa propietario dalgunhas parcelas actualmente improductivas-, houbo un tempo no que non había parroquia en Galicia que se prezase, que non pedira -e en moitos casos conseguira- que se levase a cabo un custoso proxecto de reparcelación das fincas da súa veciñanza, co fin de dotar ás propiedades terreas, naqueles intres xa en avanzado abandono, dunhas dimensións mínimas para que puidese rousar nelas, cando menos, un tractor co seu arado e os propietarios recuperasen a conciencia de que aínda posuían centeeiras, campos e sobre todo montes, repartidos pola parroquia, xa que logo nalgúns casos ata os marcos xa desapareceran e as hijuelas mesmo foran comidas polos ratos no sobrado da casa da aldea.

Se a memoria non me traizoa, creo que cada un dos longos, complexos, tediosos e en moitos casos conflictivos proxectos de reordenación da propiedade territorial supuxeron un investimento por parte da Xunta de Galicia duns 300 millóns de pesetas, que hoxe contabilizariamos en 1,8 millóns de euros.

Non quero poñerme a buscar agora cantas foron as que se levaron a cabo dende os anos 80 por todo Galicia, nin cantas delas se manteñen completamente improductivas, pero estou seguro de que se decidise documentarme e trouxera aquí o dato, acabariamos levándonos as mans á cabeza polos milleiros de millóns de pesetas que foron -nunca mellor dito- queimados (porque moitas parcelas seguro que teñen sido gasolina para os incendios estivais en varias ocasións) e que hoxe só serven para que xentes coma min e o meu can Quino, teñamos unhas cantas pistas, asfaltadas ou sen asfaltar, polas que poidamos pasear polas tardes sen medo ós coches.

Estou seguro de que, tal e como afirma o alcalde arraiano, pola "parcelaria" pasa o futuro do monte en Galicia. Pero, non tanto, ó meu ver, pola execución de custosas obras e complexísimos traballos de redistribución física das propiedades, canto pola reparcelación documental desas propiedades e a súa achega a un fondo común que si faga rendible a súa explotación económica.

Seguramente que arestora vostede está pensando no "Banco de Terras". E eu tamén. Pero non, nun banco de terras xestionado coa boca pequena porque foi un acerto do goberno bipartito. Senón nun banco de terras ben dotado administrativamente e con suficiente equipamento humano e dotación económica para ser axente activo -e non un ente contemplativo- do medio rural galego.

Te puede interesar