Opinión

Parelelismos

Un programa europeo sobre boas prácticas na xestión cultural tróuxome estes días á cidade polaca de Kielce -dende onde escribo-. Unha poboación, esta, de preto de 200 mil habitantes, situada a medio camiño entre Cracovia e Varsovia, a onde viaxaremos para marchar.

Polo que teño tido tempo de ter sabido dende que cheguei aquí, soamente en Kielce o nazismo asasinou ou fixo desaparecer a 27 mil xudeos no tempo do Holocausto. Uns centos deles lograron salvar a vida e logo da caída do "demo alemán", regresaron para Kielce. Un día do mes de xullo de 1946, cando xa o exterminio rematara, un neno polaco residente nesa mesma cidade desapareceu de contado e alguén decidiu sinalar co dedo á comunidade xudea, asegurando que entre eles estaban os responsables do infanticidio por medio dun ritual. A axitación colectiva -a turba, mellor dito-  non se fixo agardar e a ó longo de seis interminables horas a multitude local entrou nun edificio no que residían varias desas familias e acabaron matando a 42 persoas a pedradas e a paus, entre elas unha muller preñada.

O loituoso suceso quedou sinalado para a posteridade coma o "pogromo de Kielce" e, para vergoña colectiva dos habitantes deste lugar, coma unha gran mentira, xa que logo, ós poucos días o rapaz apareceu con vida, pois seica marchara, sen avisar, a pasar uns días á casa dun amigo ou dun familiar.

Hoxe pola mañá, a trintena de participantes no programa europeo mencionado tivemos oportunidade de visitar o Museo do Diálogo das Culturas que se atopa situado nun edificio perfectamente restaurado e ben musealizado, na antiga praza do mercado desa capital, onde se atopa como exposición temporal unha ampla e non menos ben documentada exposición sobre a comunidade xitana europea, pero onde eu non alcancei a ver ningún documento que fixera mención visual a ese terrible suceso, que imaxino que todos e cada un dos habitantes de Kielce -eles que son moi católicos- pregan cada día por poder olvidar.

Mentres descubro todo isto, as redes que emerxen con alertas no meu teléfono móbil, vanme informando, primeiro dunha multitudinaria concentración que case paraliza o aeroporto do Prat e logo duns vergoñentos sucesos nas céntricas rúas que arrodean a sede barcelonesa da delegación do goberno estatal.

Xa sei que non debo trazar paralelismos entre o que aconteceu e o que algúns cremos que acontecerá. Dío o libro de estilo desta imperfecta democracia que nos temos outorgado -ata o de agora- en paz.

Como tampouco debo atar cabos no tempo entre a "revolución dos sorrisos" e, por exemplo, a Europa dos Balcáns. Pero, por desgracia, na Historia xa está todo escrito: Velaí, un morto, unha mentira e acabarémonos laiando –todos- por levarmos tantos anos dándolle ás páxinas do libro para atrás.

Te puede interesar