Opinión

Parroquianismo cibernético

Tomo como exemplo a hiperinflación -ou burbulla- partidaria que eclosionou nestas eleccións municipais na cidade de Ourense co fin de reflexionar, non só arredor da propia multiplicación de candidaturas coma pans e peixes, senón tamén a propósito das razóns que poden explicar por que cando a política -e os políticos de ámbolos dous sexos- se atopa máis emporcallada por dentro e por fóra, é cando máis xente decide dar o paso á rex pública e cede o seu nome para "ir nunha lista".

Seguro que estou errado e vostede conta con mellores argumentos ca min para darlle unha explicación lóxica a tan insólito inzamento coma a que desta volta acontece nunha cidade que non chega ós noventa mil electores, como é a cidade de Ourense. Unha cidade que vai contar con 15 candidaturas e -entre titulares e suplentes- 465 candidatos, ou, o que ven a ser o mesmo, unha candidatura por cada 5.765 electores, ou un candidato por cada 186 electores. Aí é nada!

Sen embargo, malia correr o risco de tropezar dúas veces na mesma pedra, permítame que desenvolva o razoamento que para min explica tal dose de proliferación, consciente, ademais, de que xa está estudado pola socioloxía actual este tan singular e aparentemente contradictorio fenómeno.

Coa evolución das redes sociais en xenérico e no noso ámbito ruralizado, da rede que polo de agora aínda é principal como é o facebook, dáme a min que o peor do parroquianismo como modelo de organización social dende que os tempos son tempos na vella Gallaecia, ten abrollado de novo entre nós, pero non dende a perspectiva da parroquia territorial, se non dende a organización en parroquias internautas, dando lugar así ó que eu defino no titular como parroquianismo cibernético.

A saber: Dende que os coelernos, os tamaganos, os límicos e os quarquernos baixaron dos castros os antigos clans familiares foron crecendo en pequenos grupos de familias que deron lugar ás aldeas e logo estas aldeas deron lugar ás parroquias seguindo criterios de aproximación xeográfica. Así se foi creando a tea de araña por vales, montañas e bocarribeiras, xerando de forma natural os municipios e logo as comarcas, ata que chegou a administración central e primeiro debuxou no mapa as provincias e logo as comunidades autónomas.

Pois ben, do mesmo xeito pero no amplo espectro da nube, agora, con que uns cantos establezan contacto a través do facebook para compartiren afeccións, perspectivas ou simplemente ideas, a nada que se sumen outros cantos resulta moi doado que se faga caldo de cultivo para constituíren unha parroquia cibernética que ve a cidade -cos seus problemas e as súas solucións- dunha determinada maneira. Velaí por que creo que naceron á vida tal cantidade de grupos que case teñen problemas para identificarse co diversa e sonora que é a nosa toponimia.

Te puede interesar