Opinión

Piliqueiros e cigarróns

Non fai falta saír de Galicia, nin, se me apura, tampouco de Ourense, para que, cando asoma algunha conversa o Entroido ourensán, pronto emerxa, coma o espírito santo, o santificado emblema do triángulo ourensán e unha vez constatado que as máscaras que son diferentes son as pantallas de Xinzo de Limia, sempre aparece unha voz audaz que pregunta: E logo, en que se diferencian os cigarróns de Verín dos piliqueiros de Laza, ou ó revés, que neste caso monta tanto coma Isabel e Fernando?

Cando esta recurrente pregunta xurdiu nalgún caso, eu, sinceramente, non a souben responder, entre outras cousas, porque se dalgún entroido sei -e non moito, porque non é moito o que hai que saber- é do da miña vila e dalgún que outro da bisbarra sobre a que noutrora exerceu tanto poder o cenobio bieito que tanto influíu para que hoxe o entroido non exista en Celanova, pero dos outros son un auténtico profano por máis que haxa algúns anos que a Deputación provincial fixo un esforzo importante cunha completísima publicación titulada "As caras do entroido ourensán" que coordinou o lembrado profesor Fidalgo Santamariña.

Unha indefinición que sen embargo me acaba de responder Antonio Diéguez Añel, un "vallisoletano" das terras altas do Támega, que ten como vella afección o estudo da cultura popular e das tradicións da súa terra de nacencia, en Castro de Laza, e que hai unhas semanas tivo a xentileza de me facer chegar a súa última aportación ó coñecemento da bisbarra de Baroncelli titulada "Entroido y carnaval en el valle del Támega", no que, entre outras moitas interpretacións antropolóxicas, étnicas, sociais e incluso gastronómicas, aborda esa cuestión que mesmo xera competencia entre eles e que de contado paso a explicarlle con palabras do investigador para saciar a súa sede de coñecemento, benquerido lector.

Neste sentido, pregúntase o investigador respecto do cigarrón e do piliqueiro: "Siendo el mismo personaje y permaneciendo en el mismo sitio -el valle del Támega-, ¿a qué obedece la diferencia en el nombre".

Segundo el, "los cigarrones eran los ojeadores que acompañaban al Conde de Monterrey en las cacerías por los montes, atribuyéndoseles también el oficio de colaborar en la recaudación de impuestos del Pertigueiro en sus dominios", simbolizando así "a los servidores de una autoridad que domina y manda en sus súbditos de los que deriva su origen". Mentres que para esplicar a orixe do piliqueiro, Diéguez Añel afonda no tempo e afirma que é "el que tiene dignidad de la que es portador, por eso infunde respeto, imitando al o ficiante del antiguo cultua a las divinidades paganas".

En fin, teñan ou non a mesma procedencia, o caso é que hoxe todos eles celebran a súa festa maior, e a min non me resta máis ca felicitar a Diéguez Añel polo seu libro e ós piliqueiros e cigarróns por continuaren gardando as esencias das nosas tradicións.

Te puede interesar