Opinión

Pintar mundos

Eu creo que é -ou debe ser- o soño de calquera pintor. Ou iso imaxino. O ben que se debe sentir un cando pensa, documenta e despois constrúe coas súas propias mans un obxecto único que esperta a admiración das xentes que o contemplan e que incluso lles di cousas que nin sequera el tiña pensado cando o creou. Algo que só un copista podería reproducir con máis ou menos tino, pero -xa o día a propia definición do oficio- só sería unha mera copia.

Velaí onde, ó meu parecer, debe radicar o auténtico pracer do artista. De Manolo Buciños, hai uns días, e neste caso concreto, do pintor ó que vou facer referencia.

Dende o pasado luns -malia que Oporto estaba a piques de decretar a corentena- o meu conveciño Baldomero Moreiras mantén o seu "Eco das amazonas", que tanto sorprendeu en Ourense e Compostela o ano pasado, nun espazo privilexiado do Parque dos Mártires da Patria da capital da Galaecia, unha ampla selección da plástica esférica que Moreiras matinou, maxinou e pintou para homenaxear a un feixe de mulleres que pasaron pola cara oculta da historia, esa que coma a cara oculta da lúa non se viu a tan só comeza a asomar agora a cabeza por máis que sempre estivese aí formando parte dun todo que formamos a humanidade unívoca.

O Tribunal da Relação de Porto, que para os efectos ven a ser algo así coma o Tribunal Superior de Galicia, decidiu organizar un fermoso -aínda que longo- acto dedicado á "Mulher Universal"con motivo do Día internacional da Muller e os seus responsables non tiveron mellor acordo ca convidar a Moreiras para que, quen desexe saber algo máis desa cara oculta da historia que en moitas profesións -artísticas e non artísticas-, oficios e outras moitas actividades supuxeron as mulleres ó longo dos tempos, poida sorprenderse coñecendo as súas biografías e recreándose visualmente neses mundo esféricos que tan ben logrou recrear o pintor ourensán cos seus segredos acrílicos.

"Son esferas policromáticas que representan mulleres únicas, pioneiras, mensaxeiras primoxénitas de principios, mulleres vencedoras ou silenciadas inxustamente", dixo o seu presentador, Diogo Cabrita. Esferas que "retratan a resposta dun home intelixente sensible á violencia doméstica, á violencia de xénero, á desigualdade no tratamento das mulleres que moitas veces precisan ser moito máis para alcanzar o mesmo".

Como seguramente isto -o do virus- ha pasar, como pola historia teñen pasado outras moitas pandemias, se lle cadra ir a Porto, non perda a ocasión e suba ó primeiro andar do Tribunal. Ata o 29 de xullo terá tempo de a homenaxe que Baldomero lle tributou a outro tipo de pandemia. Esa que ó longo da historia tivo oculta a media humanidade. É dicir, ás mulleres.

Te puede interesar