Opinión

Benquerido Mariano

Permíteme a familiaridade do tuteo porque non é que me leves moitos anos e agora xa non es presidente de nada que conleve formalismos protocolarios.

Dado que estás de actualidade máxima por teres pasado a mellor vida -política, enténdese- e que neste país, como ben dixo Rubalcaba, enterramos coma ninguén ós mortos, nestes intres de despedida vouche contar dúas ou tres confidencias.

Ó longo das últimas décadas, por esta miña vila pasaron, se non todos, case todos os presidentes do goberno, agás -se a memoria non me falla- José Luís Rodríguez Zapatero.

Tamén, loxicamente, pasaron os presidentes da Xunta de Galicia. O que con máis frecuencia o fixo, fóra o actual "meu parente" de segundo plano, foi Fraga Iribarne, naquela singular peregrinaxe que realizou ó longo do seu mandato polos catro puntos cardinais, descubrindo placas honoríficas.

Pois ben, podes crerme que por máis que tiven vagar en calquera delas, nunca se me deu por darlle a man e sempre me mantiven, fronte ós seus acelerados saúdos, nun segundo plano. E iso que sei de boa tinta que de cando en vez algunhas das miñas columnas non lle pasaban desapercibidas e mesmo as compartía, segundo fose o seu contido, con algún dos seus conselleiros.

Logo, un día calquera de fin de milenio anunciaron a chegada dun tal José María Aznar que xa sabía chapurrear inglés texano e colocar os pés por riba da mesa. Daquela veu facer un paripé inaugural a Vilanova dos Infantes (aínda se mantén alí a placa conmemorativa) e, como é perceptivo, tamén visitou a igrexa monacal, así como a xoia pequechiña de San Miguel.

Por unha cuestión circunstancial tiven tamén ocasión de saúdalo, pero a conciencia pediume manterme a un lado para non semellar mal educado e tampouco o fixen.

Logo, hai pouco menos de dous anos, un día de verán viñeches ti e non sei se porque es paisano ou porque no plano persoal sempre me transmitiches boas vibracións, o caso é que non só te saudei coa cordialidade debida, senón que tivemos ocasión de intercambiar pareceres artísticos e algunha que outra broma distendida -un pouco apurada, é certo- porque xa se sabe que as visitas presidenciais están milimetricamente minutadas.

Pero malia á fugacidade das conversas compartidas, debo dicir que na distancia curta gañáchesme por máis que eu che sexa moi medido e un pouco repunante para iso.

Por iso, hoxe, ó ver as fotos daquel estío e repetir mentalmente os pasos que demos polo mosteiro, non podo menos ca facer miñas as palabras de Pablo Iglesias e exaltar a túa bonhomia, consciente de que -tal como profetizou Fidel para el mesmo- non sei por que me dá que a ti a historia tamén te ha de absolver algún día.

Te puede interesar