Opinión

Polígonos agroforestais

Día si e día tamén, despois de xantar acostumo a subir á Chaira, que é a paraxe de planalto que separa o val do río Sorga -sobre o que se instala a terraza de solaina na que se asenta a miña vila- do val do río Tuño, que rega a bocarribeira de Acebedo do Río, o último concello fusionado do franquismo.

Acudo co Quino -o meu can-, porque a el faille moito ben cansar o vicio de estar todo o día sentado ou deitado no patio por aquí e por acolá co único oficio de coidar da casa e a min aínda me fai mellor porque me axuda a esparexer as pernas e a axitar a circulación de estar todo o día sentado e ó mesmo tempo tamén me axuda a espreguizar as ideas, que vendo como xira o mundo ó noso arredor, cada vez adoitan seren máis confusas.

Gusto de achegarme por alí por varias razóns, entre elas ir beber auga fresca na fonte de Campelo, a primeira aldea abandonada do Concello e da que só queda en pé o forno público, ou tratar de fotografar os fermosos atardeceres que dende alí se contemplan á hora xusta cando o sol despide o día por tras da serra do Leboreiro, sobre todo cando acaba transformando en silueta escura o pico fito do Penagache.

Pero tamén gusto de ir porque alí, sobre os pastos do planalto, hai vida. Vida gandeira, hei de dicir, gracias a dúas explotacións que ocupan arredor das 300 hectáreas de montes comunais entre ambas e que nestes intres non sabería dicir cantas cabezas de gando teñen, pero, abofé,  varios centos, cousa insólita nos tempos que corren na Galicia ignorada na que estamos situados.

Gusto de ir porque só o feito de velas pacer coa súa tranquilidade bovina repartidas ó albedrío polos campos, non só me transmiten tranquilidade implícita, senón que tamén me dan vida porque me ofrecen esperanza. Esperanza por un futuro non só de vellos -que é cara onde camiñamos inexorablemente-, senón de xente en plenitude laboral, xerando economía e demostrando que non hai outro xeito de loitar contra os incendios forestais, algo que por fortuna e gracias a estas dúas explotacións, na miña parroquia de Amoroce practicamente descoñecemos.

Leo na prensa de hoxe -onte, para vostede- que a consellería de Medio Rural agrupará de oficio terras en zonas abandonadas para crear o que dis que lles van chamar polígonos agroforestais que serán sacados a concurso público para aqueles profesionais do medio que desexen proxectar neles propostas empresariais relacionadas co agro.

Aleluia! Exclamaría o profeta, rezando para que administración e propietarios teñamos aprendido do despilfarro cometido coas concentracións parcelarias.

Te puede interesar