Opinión

Por imperativo legal

Por imperativo legal, eu -e as persoas de ben do mundo- levántome tódalas mañás, porque se non acudo á hora sinalada ó meu posto de traballo, non son quen de cumprir o horario comprometido e se non cumpro co horario fixado no meu contrato funcionarial, non cobro. E se non cobro non como. E se non como non vivo.

Por imperativo legal onte mesmo ingresei na conta da Dirección Xeral de Tráfico, 50 euros dunha multa que me puxeron por ir a 85 quilómetros por hora nunha recta pola que había que circular como moito a 70, porque así o indicaba seica unha sinal desas de circunferencia vermella que loxicamente me pasou desapercibida.

Por imperativo legal, a comezos do mes de novembro os da Axencia Tributaria ripáronme da miña conta o segundo prazo resultante da declaración anual da renda, cousa que, como con tódalas persoas de ben, adoitan facer comigo tódolos anos.

Por imperativo legal conduzo pola dereita e non se me ocorre exercer de inglés polas nosas estradas, porque non daría máis de dúas curvas seguidas sen provocar desgraciadas consecuencias para min e para quen se topara comigo sen a máis mínima culpa.

Por imperativo legal, por máis que pasme cara un escaparate ollando para unha prenda que me gusta, non entro na tenda, probo se me sirve e marcho con ela sen dicirlle sequera adeus ó comerciante.

Por imperativo legal non ando a ramalazos coa xente que non concordo, porque eles tamén me poderían partir a min a cara ou, no seu defecto, denunciarme no cuartel da Garda Civil ou na Policía.

Por imperativo legal non se me dá por mexar a carón do pilón da praza Maior da miña vila, por moito apretón urolóxico que teña.

Por imperativo legal e malia que non saia satisfeito dun restaurante, non me levanto da mesa facéndolle carantoñas obscenas ó camareiro.

Incluso, por imperativo legal, tampouco lograría entrar no Congreso e dende a tribuna poñerme a despotricar contra esta clase política que nos ten tocado na lotería e que cada vez que ergue a voz nos avergoña.

O que si non fago, porque non hai imperativo legal que mo impoña, é presentarme ás eleccións dun país do que non me sinto parte.

Que coño nos contan os que prometen estar aí por imperativo legal! Cantos dos nosos avós, por imperativo legal –e vital- tiveron que ir á guerra. E cantos centos de milleiros –por imperativo de fogo real- quedaron soterrados para sempre nela?

Todo para que agora teñamos que escoitar que van cobrar 4 mil euros ó mes “por imperativo legal da ala”!

Veña, home! Se tan obrigado te ves, por imperativo moral queda na túa casa!

Te puede interesar