Opinión

Porque son galeguista...

Unha reflexión de Miguel Torga escrita nunha das paredes da exposición que sobre o autor pode ser visitada no Espaço Torga, de São Martinho de Anta, ó pé de Vila Real, deume folgos para reflexionar a min tamén esoutro día sobre o iberismo e ó mesmo tempo preguntarme dun xeito retórico, cántos dos 350 novos deputados e deputadas e non sei cantos senadores e senadoras que nas próximas semanas tomarán posesión das súas actas como representantes da voz popular en Madrid, serán capaces de abrazar o discurso iberista do propio Torga ou Saramago, de Unamuno ou Castelao.
Non sei o qué pensará vostede -que me está lendo- ó respecto.

Eu, malia que xa teño posicionado en máis dunha ocasión a miña opinión sobre este vello movemento romántico, volvereina expresar de novo, non sen antes facerme eco do contacto que polas redes me chegou dun foro denominado "iberismo.org" e que eu descoñecía por máis que adoito determe naquelas novas que, porque as procuro ou por casualidade, van chegando ás miñas mans e teñen que ver con esta cuestión conceptual arredor do territorio do que formamos parte todos cantos vivimos, tanto na Península Ibérica coma nas illas que forman parte dos dous estados que nos estructuran socialmente.
Serían moitas as razóns históricas, sociais, culturais, económicas, xeoestratéxicas, etc., que apoiarían o meu razoamento e que non vou expoñer polo miúdo porque probablemente farían falla varias páxinas do xornal, senón o xornal enteiro, para expresalas e, loxicamente, nin vostede como lector estaría disposto a lelas, nin o propio xornal estaría polo labor de sostelas, simplemente porque non é monotemática a súa informativa función.

Ora ben, para min, todas elas se concentran nunha aseveración: Porque son galeguista, son iberista. Sinceramente, non me cabe outra razón de máis peso e de meirande concrección.
Sabido é, porque está escrito na historia, que o nacemento do Condado Portucalense, é dicir, o embrión xestor do actual Estado Portugués, xurdiu da excisión materno-filial da galega dona Teresa co seu fillo Afonso Henriques, que lle gañou as terras de Guimarães, alá por finais do primeiro terzo do século XII. Como sabido é que ó longo dos oito centos anos que nos teñen traido a un e a outros ata aquí, teñen sido innumerables os achegamentos e os afastamentos que non teñen abandonado nunca esa mesma condición de familiaridade que nos liga dun xeito inexorable.

Con este marco de partida e todo o debate territorial que nestes intres está tendo lugar no conxunto do Estado, non sería pertinente -pregunto- que alguén empezase a falar abertamente desta proposta e incorporala ó debate como unha cuestión de máximos que o futuro se encargará de obrigarnos a abordar?

Te puede interesar