Opinión

Postal dende Goa

Xa sei que é algo que non se leva, por iso, precisamente, se converte en noticia. E por iso, loxicamente, me vou facer eco dela.

Cando ninguén recibe postais xa dende ningún lugar do mundo, eu recibín, hai uns días, postal dende Goa (India).

Non é a primeira que recibo dende lugar tan afastado, se ben, noutras ocasións tenme chegado dende Santiniketan, a cidade na que adoita residir nas longas tempadas que o meu interlocutor pasa nese inmenso país do Índico. E sempre co remite da mesma persoa, o benquerido "indiófilo" (espero que non lle incomode o neoloxismo) José Paz, probablemente o galego con máis coñecemento de causa sobre a cultura indú e sobre o sistema educativo tagoreano, ó que lle ten dedicado practicamente toda a súa vida.

Como me chegou a xeito de carta aberta, sei que non lle importará que acuse recibo da súa chegada nesta columna, porque así tamén aproveito para informar ás moitas amizades que mantén dentro e fóra da nosa provincia, da intensa actividade que desenvolve alá en tan afastadas terras.
Transcribo tal el me escribe, porque así debe ser, por respecto debido:
"Estimado Piñeiro:

Vim a Goa para inaugurar uma exposição bibliográfica e fotográfica dedicada a Galiza (a Nossa Terra), dentro do 2º Festival da Lusofonía, que organiza a Sociedade Lusófona de Goa.

Goa é o território melhor da India em todo e tambén o mais católico. Regresso para Santiniketan o día 26 e para Ourense em abril. Na exposição deixei a revista Auria (infelizmente desaparecida) onde sae o meu artigo sobre Goa, gracias a ti. Um grande abraço de José Paz.”

A postal ilústrase con catro brancas e fermosas igrexas católicas daquel estado indú, nalgún caso con claras referencias arquitectónicas manuelinas, que desvelan un pasado común no marco da lusofonía da que tan amante é o propio Pepe Paz, ó mesmo nivel -diría- que se atopa a súa admiración por Tagore.

Vaia, pois, dende aquí, este novo acuse de recibo que teño ocasión de lle enviar, seguro estou de que no nome de tódolos ourensáns que lle queren ben ó vello mestre, que son moitos -lexión, diría eu- e que abofé que se alegrarán de saber que o seu apostolado docente non se detén por máis que xa leve uns anos xubilado da súa cátedra pedagóxica e que non perde a máis mínima ocasión para divulgar Ourense alá, ó outro lado do mundo.

Te puede interesar