Opinión

Pregunto eu...

Permítame, benquerido lector, que, pasado o día e pasada, entón, a romaría, faga aínda unha paradiña reflexiva para poñerlle o ramo a unhas cantas ideas soltas, expostas esoutro día nesta mesma columna respecto de como celebrarmos ou non o Día das Letras Galegas.

Ben é certo -poño por diante- que eu non comparto -nunca compartín- tanta uniformidade militarizada coma a que se dá noutras terras peninsulares -nomeadamente en Cataluña-, arredor de -poñamos por caso- o libro e a rosa, o caganet ou a rosca de pascua.

Eu son máis dos de deixar voar a imaxinación e igual que na festa da parroquia, uns celébrana asando o año no forno, outros botan man do cabrito estufado en barreño de Niñodaguia e algúns acendendo o lume na importada parrilla arxentina, tamén gusto de que a xente celebre ó patrón como lle pete na idea e mellor llo permita a carteira.

Cada vez fuxo máis das uniformidades porque, se ben ó principio semellan fermosas no seu conxunto e estéticas nas súas manifestacións colectivas, logo acaban sempre dando no que dan e xerando os problemas que xeran.

Velaí polo que con máis frecuencia renego de mimetismos catetos e de papanatas envexas que nos fan perder a esencia do que verdadeiramente somos e parecemos: Un pobo diverso que, dende a conciencia de nos sentirmos tal, debemos saber xogar cos matices que temos para enriquecérmonos uns a outros, amando e cultivando o que nos é común -o idioma, digamos-. Pero non un idioma de fábrica, senón un idioma vivo, que, por exemplo, nos permite dicir "irmaus" ós ourensáns e "marchín" ós de Ribeira, sen perdermos un gramo só de querencia por ambos.

Desexo, logo entón, como ben dicía Cunqueiro, mil primaveras máis para o Día das Letras Galegas. Pero desexo e espero que continúe sendo un día de festa no que cada aldea, cada vila e cada barrio urbano ou suburbano decida, ó seu xeito e á súa maneira, como celebralo de seu.

Desexo que as mentes pensantes profesionalizadas e os colectivos amadores reflexionen arredor disto. Como desexo tamén que a clase política reflexione, analice e decida se debe ou non debe seguir así.

E cando digo "así", quero dicir se ten lóxica que, logo de máis de medio século de celebracións, dúas ducias de persoas, por moi doctas e espelidas que sexan na etimoloxía das palabras, deben manter o privilexio de seren elas quen de bautizar cada ano a criatura á que paseamos logo en procesión, cada 17 de maio, case tres millóns de persoas.

Si, xa sei que ata o de agora ten sido así e que ninguén ten promovido unha revolución por elo. Pero tamén sei, coma vostede, que cada ano consume máis recursos públicos.

Por iso, sen ánimo de molestar, pregunto eu se non tería máis lóxica que fose na pluralidade do Parlamento de Galicia onde repousase tal decisión e non nun colectivo endogámico ó que só se accede por invitación dos que xa están dentro dela?

Te puede interesar