Opinión

Premios e premios

Malia que por vez primeira saían da omnipresente Compostela e se achegaban á provincia de Ourense, concretamente ó mosteiro de Montederramo, en cuxo "scriptorium" -segundo contan as crónicas- foi acuñado por vez primeira o termo "Ribeira Sacra", non acudín á convocatoria colectiva do acto de entrega dos Premios da Cultura Galega.

E non o fixen por dúas razóns que non pretenden denunciar nada, pero que me dá a min que poden ser compartidas por un regueiro de xente.

A primeira delas é porque cada vez me dá máis vagancia -e, polo tanto, cústame máis- acudir a este tipo de chamadas, realizadas case para máis gloria daqueles que suben ó estrado a executaren –digo ben- o acto de entrega dos premios, ca para os homenaxeados que se achegan a recibilos.

E a segunda, porque despois da intensa travesía da tesoira, á que só lle faltou recortarlle as perneiras ós pantalóns dos funcionarios uniformados da Xunta e que tamén lle afectou dun xeito radical ós premios teoricamente máis significativos da cultura de Galicia, resulta que por máis que agora xa se comece a pronunciar a palabra recuperación sen ningún complexo e os orzamentos vaian acadando cotas de normalidade pretéritas, a ninguén -dáme que, nin do goberno da Xunta, nin do grupo do goberno no Parlamento, nin tampouco oposición no hemiciclo- se lle ocorreu reivindicar a reimplantación da contía económica que estes premios levaban emparellados cando foron creados -daquela como "Premios Nacionais da Cultura Galega"- no ano 2008, en tempos do bipartito e co BNG dirixindo a nave da cultura de Galicia.

Evidentemente, non vou perder o tempo en reivindicar o carácter "nacional" dos premios e reclamar a recuperación do adxectivo para a denominación dos galardóns, porque arestora considéroo unha redundancia tan innecesaria como inocua.

Ora ben, tendo en conta que estes premios son concedidos con bastante frecuencia a profesionais do ámbito da cultura que desenvolven a súa actividade profesional ou os seus proxectos en estados de autentica precariedade económica, con recursos humanos que non pasan do ámbito das boas intencións e do voluntarismo e con ferramentas máis propias de carpinteiro ca de ebanista; e, aínda máis, que o montante económico que tiñan asignado era de 15 mil euros e que son oito as modalidades diferentes nas que se subdividen, dígame, benquerido lector, se a recuperación da súa contía (120 mil € en total) sería tan onerosa para as arcas da Consellería de Cultura que deixaría ó seu titular pedindo polas portas. Non sería ese -digo eu- o mellor xeito de dignificar a nosa cultura? E, “outrosi” –que escribiría o picapleitos-, se non o pode facer a Xunta, quen o vai facer?

Te puede interesar