Opinión

Productos culturais

Por vez primeira dende hai agora cinco anos, cando José Benito Reza e máis eu volvemos pola vella horta do noviciado para rexistrar de novo fotograficamente o que el tiña profundamente estudado e bocetado arqueo-astronomicamente e xa foramos quen de fotografar dúas décadas denantes, non me colleu o equinoccio en Celanova.

Unhas xornadas sobre xestión cultural que se desenvolveron onte e nantronte en Mérida, permitíronme escoitar -eufemisticamente- o galo ó pé do Guadiana, na antiga Augusta Emérita, e, polo tanto, non adiantei a madruga coa preocupación de que unha nube, unha soa nube, se pousara por riba do curuto de San Cibrao de Monte Calvo e nos impedira gozar unha vez máis desa máxica e fuxidía explosión de luz que rebenta entre as dúas xanelas superiores da capela de San Miguel e converten o espectáculo nunha regalía para as emocións e para o pensamento.

Que eu non estivera non quere dicir que non sucedera e de boa tinta sei que unhas ducias de meus veciños -e algúns de fóra- sentíronse unha vez máis moi pequechiños fronte a un episodio solar provocado pola man do home -descoñecemos se por casualidade arquitectónica ou adrede- e que só se pode ver dúas veces ó ano, cando a primavera abrolla con toda a súa forza por vez primeira e cando o outono comeza a apagar as últimas raiolas do estío. É dicir, nos días de equinoccio de outono e primavera,

Dado que no foro no que eu me atopaba o tema central era, precisamente, a xestión cultural ou, dito doutro xeito, como detectar, deseñar e xestionar productos culturais, mentres se sucedían as ponencias -coma sempre, unhas máis interesantes ca outras- as miñas reflexións trasladábanme de cando en vez fóra do auditorio emérito e lévanme a cavilar en como envolver tal e tan singular episodio astronómico nun paquete cultural que poida axudar a converter de seu á miña vila nun museo atemporal e a ceo aberto.

Tan foi así que nun intre devecín por erguer a man e pedir uns minutos de tempo para amosarlle á concorrencia profesional as fermosísimas fotos que me estaban chegando a través das redes e que hoxe seguramente acompañarán a esta columna noutras páxinas deste mesmo xornal.
Non o fixen porque loxicamente no encontro todo estaba pautado e sería de moito atrevemento interromper a programación. Pero aínda é agora que me arrepinto de non facelo. Sobre todo para poder testar as caras de sorpresa e admiración que se habían repartir polo estrado cultural emeritense entre os homes e as mulleres chegadas alí dende moi diversos puntos de España.

Seguro que alguén acabaría tocando a tecla precisa para que o que, polo de agora non pasa de ser un fermoso e efémero suceso astronómico, se transforme nun producto cultural de primeira índole.

Te puede interesar