Opinión

Que é ganar?

Apasada fin de semana tiven a oportunidade de compartir uns breves e inesperados momentos con Modesto Vázquez, que así, con este nome, pode ser loxicamente un anónimo calquera. Un anónimo que, en todo caso, non por ser anónimo deixaría de ser unha persoa interesante. Nin moito menos.

Pero, neste caso, se ben é anónimo para o conxunto da opinión pública ourensá, non o é -ou non o foi tanto- para os afeccionados ó tenis na República Arxentina, xa que logo, por máis que o seu berce natal se atope radicado nunha pequena casa de Rabal da Igrexa (Celanova), ó longo da súa xuventude conseguiu chegar á elite do tenis mundial, competindo no circuíto da ATP na compaña de, entre outros históricos tenistas arxentinos, Guillermo Vilas, e, logo de ser ter xubilado como tenista, chegou a exercer en dúas ocasións como adestrador ou capitán -creo que lle chaman así- do equipo da Copa Davis daquel país. A última no ano 2011, cando España e Arxentina xogaron a final do campionato en Sevilla.

Modesto Vázquez, ademais de ser, polo tanto, tenista, ourensán de Celanova e portador da estirpe dos Feijóo no segundo apelido (sen que iso implique parentesco comigo nin con outros Feijóos coñecidos), non sería de todo celanovés se non fluíra por el unha moi interesante vena literaria que o levou a publicar varios libros de poemas e o ano pasado unha novela autobiográfica, na que, baixo o título de "El ombligo del pulpo", reflexiona sobre as contradicións e os fíos da navalla polos que acaba transcorrendo a traxectoria dun deportista de elite, como foi el e sobre a fina liña que separa o éxito máis dourado e absoluto do fracaso máis escuro e doloroso, así como sobre as renuncias vitais ás que unha persoa se ten que enfrontar e os debates internos que iso provoca no interior de cada quen ó longo da viaxe acometida.

Despois de ter lido o libro, diría eu que non é que lle fora mal no camiño elixido, malia non ter conseguido os ouropeis do "top ten" da profesión tenística, referendando o mesmo que di el e que reflicte de continuo nunha pregunta que repite con frecuencia ó longo da novela, como é a seguinte: Que é ganar?

Unha pregunta aparentemente inocua ou retórica, se un quere, pero que se me presenta estes días con frecuencia cando vexo, escoito ou leo historias de victorias e derrotas electorais que non resisten a máis mínima analítica se se sacan do contexto propio dos tópicos comunmente establecidos.

Quen resulta gañador? O que acada o éxito deportivo e perde o éxito vital ou ó contrario? Quen gaña ou perde? O que acada a victoria moral e perde finalmente a partida ou ó contrario? Son preguntas de actualidade que Modesto “Tito” Vázquez soubo resolver no percorrido de fondo, onde, ó meu ver, se agachan sempre as victorias merecidas.

Te puede interesar