Opinión

En qué quedamos

Pinta alguén no meu muro da rede unha entrevista que hai uns días lle fixo un xornal dixital á aínda hoxe voceira de AGE no Parlamento de Galicia, na que a futura deputada no Congreso verte algunhas afirmacións que me fixeron reflexionar porque son, ó meu ver, significativas e representativas do desconcertante momento actual que vive a política neste país e, porque de soslaio, así como non quere a cousa, tamén lle afectan a este territorio afastado e de interior que denominamos Ourense.
Xa dende o mesmo titular a entrevista non deixa a ninguén indiferente, ó afirmar que ela non é deputada nin de IU, nin de Podemos, senón de "En Marea".


E visto así, por riba da espuma da cervexa, semella que a muller ten razón na aseveración formulada, xa que logo, a marca coa que se moveron por toda Galicia foi precisamente "En Marea" e así foi como foron contabilizados os votos -dou fe porque estiven de presidente da miña mesa- polo norte e polo sur, polo este e polo oeste da xeografía galega.


Se ben, a nada que un mete o dedo na caña e por baixo da espuma empeza a mollar o dedo co refrixerado líquido da propia cervexa, detecta xa de principio unha primeira incoherencia que para ela non son máis ca "cousas que non lle interesan a ninguén" e que precisan altura de miras porque "as esquerdas non se deben enredar con cousas instrumentais", pero que para min supoñen unha evidente incongruencia dado que o propio logotipo da candidatura "En Marea", ó xeito dun "yin yang" triangular, levaba inserida a palabra "Podemos", o cal debería significar -ou así o debeu entender o electorado- que ó votar a un candidato baixo ese logotipo estaba votando á formación -digamos- de Pablo Iglesias.


E se isto non é así e, pola contra, é tal cal o relatou a deputada na entrevista, a pregunta que se sustancia de seguido é certamente obvia: Por qué, entón, os analistas electorais, os xornalistas e mesmamente os propio dirixentes de Podemos, contabilizan ós candidatos de "En Marea" entre os seus deputados.
Certamente non o entendo e estou seguro de que se algún vello militante do PCE a votou e tivo ocasión de ler logo as súas declaracións debe estar arestora bastante cabreado por sentirse, cando menos, enganado.


De tódolos xeitos, o máis preocupante -para min- de todo canto dixo na entrevista está nun parágrafo referido a Galicia, no que pon en dúbida o equilibrio representativo da Lei Electoral, ó asegurar que "opera dun xeito singular nas provincias de interior", dando a entender, sen explicitalo, o mesmo que dende hai tempo non son capaces de dicir publicamente moitos que consideran que Ourense e Lugo deben ser relegadas na súa representatividade proporcional, porque dis que aquí vivimos catro vellos, analfabetos funcionais, completamente manipulabes.

Te puede interesar