Opinión

Queremos saber

Vivimos nunha sociedade tan acelerada, que está a piques de acontecer -de feito xa ten acontecido- que as noticias saltan ós titulares dos medios denantes mesmo de que acontezan.

Non hai moito, este xornal e outros foron víctimas transmisoras dunha información teoricamente oficial sobre a presunta desaparición dun home que seica na noite anterior, despois de tomar unhas copas ata altas horas da madrugada nos seus lugares de costume, tiña que ter chegado á casa onde vivía -creo recordar- coa súa nai e, sen embargo, polo que fora acabou decidindo ir durmir á casa dun seu curmán.

Velaí un exemplo bastante aproximado da afirmación que acabo de verter con total coñecemento de causa, porque a nada que reparemos con tino -e non digamos xa se nos fiamos de moitos arremedos de xornais dixitais- en determinados detalles de moitas informacións de tódolos niveis, acabarán facéndonos pensar en cómo e que, non xa un, senón un exército de reporteiros están á porta da casa dalgún sospeitoso de algo cando chega a policía a detelo.

Fago esta reflexión xenérica de carácter introductorio porque fronte a esta dinámica vertixinosa da translación da información ó consumidor en vivo e en directo, cada vez me asaltan máis dúbidas sobre os innumerables interrogantes e os interminables silencios que rodean a unha loitosa información que hoxe cumpre desgraciadamente un ano.

Estoume referindo ó asasinato de don Adolfo, o cura de Vilanova -que así é como lle chamabamos todos-, e á desaparición por roubo da apreciada imaxe da Virxe do Cristal, feito que aconteceu, como todo o mundo lembra, na noite de tal día coma hoxe (cando vostede está lendo isto) de hai un ano.

Non caberían nesta columna, nin tal vez na páxina que a soporta, tódalas incógnitas que familiares, amigos, fregueses, veciños e coñecidos de don Adolfo acumulan nos seus pensamentos arredor do caso e cuxas solucións ou respostas probablemente se atopen chantadas entre a capa e a contracapa dun expediente xudicial que repousa -un ano despois!- no arquivo vivo da responsable do Xulgado de Celanova.

Sei perfectamente que tanto as investigacións policiais coma os tempos xudiciais son moito máis lentos cos devezos informativos do pobo. Pero aínda sabendo isto e tratando de ser respectuoso co traballo que uns e outros seguramente teñen feito ó longo deste tempo para tratar de darlle unha solución a un caso tan impactante para o acontecer cotián e colectivo dun pobo, tamén sei que o pobo ten dereito a saber.

Pois ben, porque temos dereito a saber, queremos saber por qué tanto silencio arredor de don Adolfo. Sobre todo, despois daquel domingo tan dorosamente contradictorio ó que asistimos en directo, coa detención e urxente liberación dos dous sospeitosos croatas.

Te puede interesar