Opinión

Queridos Reis Magos:

Non é  que decidira escribir esta carta tarde, nin tampouco que se perdera polo camiño e que chegara tarde á redacción para ser publicada.

Escribo conscientemente hoxe porque o que che vou pedir ten moito máis que ver con mañá (hoxe, para quen me lea) ca co voso día grande, este de Pascua que (cando escribo) está a piques de rematar, e moi ben, por certo, porque este ano fostes cumpridos comigo e bastante máis xenerosos do que probablemente merecera ó longo de todo o ano que acaba de rematar.

Escríbovos para pedirvos -se é que aínda vos queda unha faísca de forza para seguir repartindo desexos dos mortais- que esparexades sentidiño polos arrabaldos da Carreira de San Jerónimo e dun xeito especial dentro do hemiciclo, onde se vai xogar o futuro da nosa vida en común tal como a temos coñecido e a temos estudado nos libros de historia alá onde non nos alcanza a memoria persoal.

Evidentemente -non quero que se me mal entenda- non vos estou pedido ningunha falcatruada aritmética, nin ningunha traizón de fidelidade grupal. A democracia que nos temos dado ata o de agora é así e as normas son as normas, por máis que a súa aplicación ofreza un escenario aparentemente inquietante no horizonte que unha boa parte da sociedade cremos albiscar.

Se non quixeran que chegaran momentos coma este, tempo e número de deputados con maioría absoluta suficiente tiveron noutrora no Partido Popular para poder mudalas ou, polo menos, para intentar facelo.

Pero aínda é máis... Sinceramente, non creo que traizóns posibles como as que onte e nantronte foron apuntadas coa boca pequena por algúns medios, veñan a axudar a normalizar as cousas, senón todo o contrario, pois para posicións de máximos ó límite creo que xa todos as testemuñamos nesta última fin de semana e non quero nin pensar cara onde nos poden levar. E xa non digo de aquí ós próximos anos, senón ós próximos meses nos que se aveciñan os comicios electorais propios desta terra, á que -por certo- acabo de comprobar que lle teñen ofrecido a lúa en nove páxinas. É dicir, todo canto ata o de agora lle tiñan negado por activa e por pasiva, non só os que están agora no goberno, senón tamén os "amigos" que antes tiveron a ben gobernar.

En fin! Que vos pediría que no futuro inmediato que se nos aveciña, coma desde unha avioneta sulfatadora ciscarades toneladas de sentidiño sobre a clase política española, a ver se –xa que non hai forma humana de que se entendan entre eles- polo menos que non salpiquen e que nos deixen vivir en paz.

Te puede interesar