Opinión

R+ P = 4.000 €/mes

Hai xa uns días que veño botando contas das declaracións realizadas a semana pasada pola parlamentaria viguesa que se descolgou perante a policía compostelá cunha versión nocturna do "vostede non sabe con quen está falando!" no transcurso dunha noite de esmorga, sen a traxedia engadida, lóxica e afortunadamente, da noite extrema de Blanco Amor.

Unhas me doen e outras me proen dende o mesmo día que escoitei a noticia nunha emisora de radio, á maña seguinte de cando aconteceu e que me coincidiu, casualmente, nunha viaxe de regreso do lugar dos feitos, é dicir, de Santiago de Compostela.

E veño botando contas porque, se ben, por veces seméllame, o asunto, coa suficiente carga de gravidade institucional como para que a súa autora lle renda contas, primeiro á xente que a votou e logo ó resto da sociedade galega que lle paga o seu substancioso salario mensual, collendo o camiño da casa e abandonando o privilexio de representación no que foi colocada polo electorado; noutras quero ver unha simple eiva xuvenil e universitaria (a moza ten 28 anos) á que non se lle debería dar máis importancia cá que cabe nunha sanción  administrativa por non saber utilizar a documentación que a acredita como parlamentaria e cunha tarxeta amarela de aviso abondaría para que considerase o episodio unha acaída lección de vida.

E nestas andei ata que, despois de ver o resultado da votación que seica emitiron as bases da súa formación política no sentido de convidala a entregar a acta de parlamentaria e retornar á súa profesión, lle escoitei, un tanto asombrado que, malia o que lle fora trasladado pola militancia, ela non abandonaría o parlamento por -aí é nada!- "responsabilidade política".

Responsabilidade política? Repetín, con énfase de pregunta, eu.

Que tipo de responsabilidade política pode argumentar un representante público ó que collen nun renuncio máis ou menos evidente e máis ou menos grave nesa escala de valores que día a día elaboramos colectivamente todos co noso comportamento individual.

Que tipo de responsabilidade -repito- entra nun argumentario ético e coherente, que non sexa o de pedir disculpas -cando menos-, como escribín denantes, primeiro ós seus, que é os que lles está fallando, e logo ó resto da sociedade que lle paga un moi digno salario por ser exemplarizante no exercicio da representatividade pública que lle foi encomendada o día que acatou as normas que rexen o Parlamento.

Que tipo de responsabilidade? Direillo cunha fórmula matemática ben simple por certo: Unha suma.

R + P = 4.000 euros/mes.

Te puede interesar