Opinión

Raias con alas

Hai algo máis de media ducia de anos -non sabería dicir cantos- no transcurso dunha viaxe a Roma, os meus acompañantes e máis eu tivemos oportunidade de realizar un percorrido urbano nun deses autobuses panorámicos que percorren por aquí e por alá os principais puntos de referencia turísticos da propia Roma e máis do Vaticano.

O punto de partida estaba situado na man dereita da Vía della Conciliazione, que é a estrada que lle dá acceso central á Piazza de San Pietro dende o Castel Sant Angelo (así, ata semella que un sabe italiano) e que constitúe un excelente lugar para tratar de conseguir estéticas simetrías da columnata da propia praza e máis da fachada da basílica e que, polo tanto, aproveitei de contado tan pronto subimos ó bus turístico, denantes de que iniciara a marcha e o movemento me estragase o enfoque exacto.

A mecánica que utilicei para tratar de centrar mellor a foto foi a de sacar o brazo fóra da vertical do vehículo e disparar coa cámara xirada noventa graos co fin de evitar toda referencia visual do autocarro e que a imaxe saíse limpa coma se fose realizada dende unha escada situada no centro da avenida.

Do resultado final non me puiden queixar nadiña porque, ademais de conseguir o efecto perseguido, cando me puxen a repasar na pantalliña da cámara os disparos realizados topeime coa sorpresa de que xusto perante a fachada da basílica, moi preto do obxectivo da cámara captei unha pomba iniciando un voo que me fixo voar a min tamén a imaxinación, tendo en conta a relación simbólica que mantén a figura de San Pedro co devandito animal columbario.

Para que saiba que non lle estou mentindo, direille que, se por un casual vostede foi dos que tivo a fortuna de coleccionara a revista Auria, nunha das súas portadas está recollida a foto á que fago referencia.

Pois ben, lembrei hoxe aquela fotografía cando vin a información deste mesmo xornal que nos puña ó día de que o Concello de Xinzo foi quen de provocar un auténtico colombicidio, reducindo a poboación de pombas dende as 2.619 existentes o pasado ano, ata as decadentes 30 que se poden contabilizar arestora.

Non sei eu que dirán os ecoloxistas ó respecto. A min, certamente, non me provocan a máis mínima solidariedade, pois é ben certo que co transcurso das décadas, uns animais aparentemente fermosos noutrora, a forza de enchelas de migas de pan e outras chupinadas nas prazas, parques e alamedas, acabaron converténdose en auténticas e desvergonzadas ratas con alas, que mesmo che rouban as patacas fritas na mesa da terraza, como acaban "queimando" as pedras monumentais co corrosivo ácido das súas "cagadiñas".

Que llo pregunten, senón, ó pobre San Benito da fachada do mosteiro da miña vila, que, se puidese asinar, seguro estou que asinaría para que non quedase con vida nin a primeira.

Te puede interesar