Opinión

Rapazada

Debe ser por iso de que o idioma -calquera idioma- é coma un ser intelectualmente vivo, que aprende e desaprende e volve aprender, polo que entendo que ten razón de ser o que desta vez, benquerido lector, lle vou propoñer.

Nos últimos tempos levo escoitado con certa asiduidade nos medios públicos galegos -é dicir, tanto na radio coma na televisión- a utilización dun concepto que ten lóxica de seu nun contexto coloquial e explicación de uso como neoloxismo dentro do marco da neolinguaxe inclusiva, tan descructora da lingua como comunmente aceptada pola riada politicamente correcta.

Supoño que cando a utilización é tan común e transversal que a pronuncian en programas de ben distinto formato, é porque forma parte do novo libro de estilo da "casa" e das recomendacións dos lingüistas que teñen o oficio e a responsabilidade de velar pola razoable utilización do idioma en tódolos programas.

Cando teña vagar preguntareillo ó meu amigo Alberto Rivero para que me saque de dúbidas. Ou, no seu defecto, seguro que o meu colega de columna Afonso Vázquez-Monxardín non terá reparos en teorizar  con máis profundidade e coñecemento ca min sobre o asunto.

Aínda que "rapaz" é unha verba común na lingua  falada (fulano é bo rapaz, a rapaza canta moi ben, etc.), que estou seguro de que formará parte do seu vocabulario elemental, tanto nun coma noutro xénero con relativa frecuencia, sobre todo cando o ser ó que se está referindo ten algún fío afectivo con vostede, estará comigo, lector galego-falante, en que o substantivo derivado de ámbolos dous que trouxen a colación non formará parte tan habitual da súa expresión oral cotiá.

Si usará, sen embargo, cando o precise, mocidade ou xuventude, que son os dous conceptos máis habituais para definir en xenérico ó grupo de idade comprendido entre o principio da adolescencia e a chegada iniciática á idade adulta.

Que é o que fai -pregunto eu, en consecuencia- que de súpeto un termo determinado ou un concepto concreto emerxa nun idioma e se popularice á velocidade que estou comprobando que se está popularizando en determinado ámbitos xornalísticos o referido xenérico?

Sinceramente descoñezo tales segredos e pido, por iso, consello lingüístico, deixando claro -debo dicir, de paso- que non teño absolutamente nada contra o aludido concepto, cousa que non me pasaba cando, hai aproximadamente un década, de súpeto sacou a cabeza, coma a avestruz debaixo da ala, aquel forzado "grazas" que aínda hoxe se escoita como declaración implícita de que aquel que o utiliza xamais falou galego cando formaba parte da "rapazada". Velaí que ben queda!

Te puede interesar