Opinión

Redundancias innecesarias

Cando, por algunha razón de peso comunicativo desexamos reforzar ou enfatizar algún concepto concreto e non encontramos -ou resulta que non existe- outra palabra e nos vemos na obriga de repetila na mesma frase, acostumamos a dicir "perdóeme ou descúlpeme a redundancia", que segundo o diccionario quere dicir: "Emprego de palabras innecesarias para expresar unha idea ou concepto, por estar xa expresado con outras palabras o por sobreentenderse sen elas".

Se pedimos desculpas folga explicar, entón, que sabemos que estamos dando por correcto algo que non o é e que somos conscientes, polo tanto, de que estamos forzando a linguaxe e, como consecuencia, tropezando na principal función que ten un idioma, que, como é máis ca sabido, non é outro có de facilitar a comunicación.

É certo que hai determinadas xergas ou argots nos que este modismo é especialmente utilizado. Malicio que arestora vostede, benquerido lector, está pensando, coma min, no argot político, moi dado ós circunloquios e a outras moitas figuras retóricas, sobre todo cando queren aparentaren que están dicindo algo para, á fin e ó cabo, non diciren nada.
Traio este asunto a colación logo de ter escoitado nantronte ó medio día o monumento á anticomunicación que a catro mans (coma as grandes obras pianísticas) levantaron diante de todo o país a ministra portavoz do Goberno e a súa colega de Traballo. A primeira delas facendo do circunloquio unha espiral completamente mareante. E a segunda, elevando a redundancia á súa variante de pleonasmo, que é cando introducimos na linguaxe de forma intencionada palabras innecesarias que non só non engaden nada novo senón que dificultan a comprensión da mensaxe, ata chegar a facer incluso incómodo o ter que escoitala, cousa que se agravou incluso cando tivemos oportunidade de ler o borrador do Decreto que dende onte reduce sensiblemente a actividade laboral de millóns de persoas ata o próximo día 9 de abril. Borrador que logo alguén con criterio puliu axeitadamente para que, polo menos, no documento oficial a súa lectura non fose tan molesta.

Por iso da denominada linguaxe inclusiva -agora a politicamente correcta-, a ministra e o borrador do Decreto repiten ata fartar o concepto "persoas traballadoras", dun xeito tal que se cada unha levara un grao de alcohol, aínda arestora estariamos lamentándonos da resaca.

E todo por non utilizar o xenérico e correcto, "traballadores", coma se o Decreto quixese explicitar que só se deben daren por “aludidos e aludidas” as persoas, deixando, polo tanto, fóra de tal ordenamento os “burros e as burras” e o resto de fauna que ten sido dedicado ou aínda se dedica a algunha función e carga.

Te puede interesar