Opinión

De refectorios, comidas e bebidas

Afin de semana pasada andaron pola miña vila os representantes da Academia Galega de Gastronomía, que teñen entre outros fins, os de "traballar na pescuda da raigame cultural e das tradicións da gastronomía galega", así como "espallar polo mundo, con rigor e agarimo, as loubanzas das vizosas mantenzas e dos gloriosos viños que dona, xenerosa, a bendita terra de Galicia", ou iso foi, cando menos, o compromiso público que adquiriron os catro novos académicos que entraron a formar parte de tan digno colectivo, tres deles, por certo -os irmáns Pérez Nieto e José María Paz Gago-, ourensáns de condición e nacencia.

O acto tivo lugar no mellor contexto espacial posible como foi o antigo refectorio, que tantos séculos utilizou a comunidade bieita para cubrir as súas necesidades alimentarias básicas, e se non leron os seus discursos de ingreso dende o púlpito foi por unha cuestión de mera intendencia e non por que non lles cobizara facelo, pois como é ben sabido, dende alí daban lectura ós libros breviarios en canto a comunidade daba conta frugal e asceta das viandas co fin de que ó mesmo tempo se alimentase o corpo e o espírito.

Nestas cousas pensaba eu mentres se desenvolvía o acto, ata o punto de me deixar levar imaxinariamente a través do tempo e tratar de escenificar cómo debía ser polo miúdo o ambiente dun xantar ou dunha cea daquela. Entón lembrei un libro que xa teño traído a esta columna noutras ocasións e que se titula "Rosendo y Celanova, a la hora de la despedida", no que un membro desa mesma comunidade relata con profusión de datos a vida cotiá no interior do convento e deixou escrito algunhas interioridades que paso a relatarlle para saciar a miña curiosidade e tamén a súa.

Se non había celebración prevista -poño por caso- "a la hora de comer y cenar la comunidad en el refectorio, las once es hora fixa de ir a comer y las siete y media la de ir a cenar, o tomar la colación si es ayuno".

Sobre quén debía "baixar" a comer e quen quedaba libre de facelo, conta o monxe anónimo que "nadie está exento de bajar al refectorio a comer conventualmente con los demás monges, a excepción de los padres jubilados y los legitimamente enfermos o impedidos, y el padre mayordomo, granero, maestro de obras y cillerizo..."

Outra cousa era a cea, xa que "es estilo en esta casa, que los padres oficiales bajen a cenar a segunda ..."

Curioso era tamén o modo no que se servía o viño, para o cal había un monxe propio destinado "que sirve según ve que se va necesitando, pues excepto a los de la mesa mayor, al monge más anciano de cada coro y al maestro de novicios, a ningún otro se pone jarra ni botella de vino". E máis aínda, "a los juniores y novicios, unha vez lleno el vaso en la primera tanda, no se les vuelve a echar más vino en toda la comida", non fora ser que se lles escapara a man e logo en lugar de cantos gregorianos o noviciado fixera cantos de taberna.

Te puede interesar