Opinión

Reflexións

Como tantas outras veces teño escrito, non pretenden estas columnas -nin nunca o pretenderon, nin pretenderán- arrancarlle a pel a tiras a ninguén, senón ensarillar unhas cantas reflexións ó fío da actualidade, ata onde me dan as entendedeiras, e logo compartilas con vostede por se por un casual coinciden coas súas ou, en todo caso, lle serven a vostede tamén para reflexionar un pouco, malia que ó final o seu pensamento vaia colla cara o sur na encrucillada e o meu vaia para o norte ou viceversa.

Ven, esta explicación previa, a conto, porque a reflexión que hoxe pretendo desenvolver vai sobre a empatía. Ou, mellor dito, sobre a ausencia total de empatía á que nos ten conducido a evolución social das últimas décadas e da que é un botón de mostra especialmente chamativo o que acontece no ámbito da política, onde, a falta de ideas e de discurso propio dentro dun marco ideolóxico xeral determinado no que se move unha grande parte das xentes (é dicir, dos homes e mulleres) que se dedican á política, do mesmo xeito que lle acontece ás manadas, adoitan refuxiarse no argumentario da formación na que se refuxian ou se integran e cando acontece algo, sen facer a máis mínima paradiña de reflexión autocrítica co fin de confrontar se o que van defender publicamente coincide ou non co que asume a súa propia conciencia, dun xeito reflexo lánzanse sobre a presa tratando de facer o maior dano posible e sen que colla neles o máis mínimo bafo de resentimento se ó final resulta que estaban equivocados.

"Forma parte do xogo político", é do que botan man, entón, para xustificar o atropello. Cando non destoutro: "Outras veces tocoume a min e tamén me tiven que amolar".

Vaian, para que se entenda, dous exemplos de máxima actualidade.

O primeiro é o do exalcalde de Ourense e da súa xa famosa casa, situada nun arrabaldo ruralizado da capital.

O segundo, loxicamente, non pode ser outro có denominado "caso Baltar", agora relativizado, cando menos momentaneamente, por mor da exoneración fiscal do que o mesmo foi obxecto.

Aínda que un e o outro son de enxundia diferente, ámbolos dous me moven a expresar a reflexión seguinte: Calquera dos que despotricou contra un ou contra outro, cando os dous asuntos zarabateron a actualidade -pregunto-, pensarían, dirían e actuarían exactamente do mesmo xeito se a persoa á que lle quitaron o pelexo, no canto de ser un rival político fose un compañeiro?

Te puede interesar